Por Galicia Confidencial | Allariz | 10/02/2025 | Actualizada ás 09:00
Este venres 7 de febreiro tivo lugar a presentación oficial do programa de actividades que se desenvolverán do 10 ao 28 de febreiro para conmemorar o 188º aniversario do nacemento da escritora, o 23 de febreiro. No acto estiveron presentes a concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo, María López, e o concelleiro de Cultura, Alberto Conde, que estiveron acompañados por dous representantes da hostalería de Allariz, Gerson Iglesias e Teresa Lorenzo.
Desde hai dous anos, o Concello de Allariz é mecenas da Fundación Rosalía de Castro, colaborando activamente na conservación e divulgación do seu legado. Este compromiso reflíctese nunha programación diversa que inclúe exposicións, obradoiros, degustacións e actividades educativas e sociais.
EXPOSICIÓN, CONTACONTOS E OBRADOIROS
A primeira das iniciativas, organizada pola área de Cultura, será a exposición "O Herbario de Rosalía", que abrirá as súa portas o luns 10 de febreiro na Casa da Cultura. A mostra explorará as preto de 150 plantas e flores citadas na obra da autora. Poderá visitarse ata o 28 de febreiro en horario de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:30, de luns a venres.
Ademais, en colaboración co CEIP Padre Feijoo, desenvolverase a actividade "Rosalía Cativa", dirixida a nenos e nenas de 1º e 2º de primaria. Esta iniciativa incluirá sesións de contacontos, obradoiros de papiroflexia e unha actividade especial sobre a orixe das fabas utilizadas no tradicional Caldo de Gloria.
Desde a área de Benestar Social, a técnica de maiores integrará a figura de Rosalía de Castro nas actividades de Arte e Creatividade, Estimulación Cognitiva e Recuperación da Memoria Comunitaria. Durante a semana, as persoas participantes realizarán diversas dinámicas e obradoiros inspirados na escritora galega.
O CALDO DE GLORIA
A área de Promoción Económica, en colaboración coa hostalería local, celebrará o Día de Rosalía co tradicional Caldo de Gloria. Do 21 ao 23 de febreiro, doce establecementos de Allariz ofrecerán este prato inspirado no poema "Miña casiña, meu lar", onde Rosalía describe a preparación dun caldo humilde. Os locais participantes estarán identificados cun vinilo coa frase "Aquí hai Caldo de Gloria". Os establecementos participantes ofrecerán Caldo de Gloria ou ben como tapa ou incluíndo no menú da fin de semana.
Como incentivo, todas as persoas que degusten o Caldo de Gloria nos establecementos participantes poderán participar no sorteo dunha fin de semana en Padrón, visitando a Casa de Rosalía. Para inscribirse, será necesario escanear un código QR dispoñible nos establecementos, cubrir un formulario cos datos persoais e achegar unha foto dunha papeleta entregada no local (consultar bases de participación).
Ademais, o Mercado da Reserva ofrecerá unha degustación de Caldo de Gloria na mañá do sábado 20 de febreiro, da man de Moixo en horario de apertura do Mercado.
Este ano, a iniciativa ampliase á Escola Infantil "A Galiña Azul" de Allariz, que, xunto co CEIP Padre Feijoo, incluirá no seu menú do venres 21 de febreiro o Caldo de Gloria. Ambos centros recibirán manteis individuais de papel co poema de Rosalía, ao igual ca hostalería participante no Caldo de Gloria, grazas á colaboración da Fundación Rosalía de Castro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.