Así se xera a electricidade nas Ons: 120.000 litros de gasóleo transportado en barco ao ano

A CIG denuncia un caso de "piratería enerxética" por parte da propia Xunta, encargada da subministración enerxética.

Por Galicia Confidencial | Bueu | 10/02/2025 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

Na Illa de Ons a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático xera e distribúe electricidade de xeito irregular á veciñanza e negocios á custa da seguridade e saúde do seu persoal. É a denuncia que fai CIG-Autonómica tras a visita que o delegado de prevención de riscos laborais deste sindicato no Comité de Seguridade e Saúde Laboral (CSSL) da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (CMACC) realizou a esta illa, pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galiza. 

Xenerador de electricidade a través de carburante que subministra ao camping das Ons
Xenerador de electricidade a través de carburante que subministra ao camping das Ons | Fonte: general Energy

Así, denuncia que o xeito de xerar a electricidade que utiliza a consellería abandeirada da protección ambiental na Galicia é a máis contaminante posible: baséase na utilización de equipos electróxenos con motores de explosión diésel en funcionamento 24 horas ao día e utilizando gasoleo agrícola. Equipos que non están automatizados, senón que acenden e apagan a man o persoal da consellería (axentes ambientais, vixilantes, etc.) de xeito precario e varias veces no día, unha delas na madrugada.

Nun comunicado,a organización sindical asegura que o aspecto que máis lle sorprendeu é o rol que asume a CMACC como empresa subministradora de electricidade para toda a Illa de Ons, onde ademais das persoas que alí viven (na illa hai aproximadamente 100 vivendas) existen varios negocios de hostalería que atenden aos milleiros de visitantes que chegan cada ano (142.000 en 2024). "Esta insólita situación é sobre a que pivotan os problemas máis graves de seguridade e saúde do persoal da Xunta", di.

FUNCIONANDO CON EQUPOS ELECTRÓXENOS

As contas do 2023, que recoñeceu o propio director do Parque, falan de, non menos de 120.000 litros de gasoleo consumidos cada ano en Ons. O gasoleo chega á illa nun barco contratado que descarga habitualmente no porto da illa entre 6 e 8 depósitos de 1.000 litros, o persoal cárgaos alí e traslada con medios improvisados o combustible a grandes depósitos fixos nas instalacións, traballo indispensable para alimentar os xeradores de electricidade.

"Esta maquinaria e combustible son as que manexa o persoal da Xunta nunhas instalacións e condicións inaceptables, propias do século pasado. Non é de estrañar que os pequenos derrames de combustible sexan habituais no Parque Nacional, pois nen sequera se conta con balsas de retención.", critica.

Por todos estes feitos e outros incidentes informados polo persoal, a CIG solicitou a documentación pertinente ao CSSL da CMACC. Unha vez revisada a información achegada, o sindicato conclúe que as instalacións non constan dadas de alta en industria como é preceptivo dado o tipo e volume de combustible e a gran potencia dos equipos, nin constan os preceptivos proxectos de instalación de depósitos nin de equipos electróxenos.

Ademais, denuncia que non constan empresas certificadas que realicen as operacións de instalación, revisión e mantemento obrigatorias que garantan o correcto estado das instalacións existentes, non existe persoal especializado ao cargo dos equipos e non consta informe das persoas responsables das incidencias e problemáticas.

SEN CONTRATOS

Finalmente, CIG Autonómica di que , a pesar de que o consumo consumo ordinario supera 120.000 litros/ano, non se atopa ese contrato no portal de transparencia da Xunta.Tampouco atopan as contratacións do transporte marítimo, pese a ser un destacado gasto de cartos públicos de carácter ordinario no Parque Nacional.

"Estes grandes números enténdense porque a CMACC, non soamente atende ao servizo das súas instalacións e servizos, produce e distribúe irregularmente enerxía para toda a poboación da illa e aos prósperos negocios de hostelaría que teñen alí a súa actividade. Por suposto un servizo en precario de apenas 10 h/día e sen garantías de calidade para as persoas usuarias, que como é normal non pagan o servizo. Non hai que esquecer que a “empresa subministradora” é a consellería e por suposto a “broma” a mantemos economicamente entre todos/as os/as contribuíntes", conclúe.

Así, denuncia que o xeito de xerar a electricidade que utiliza a consellería abandeirada da protección ambiental na Galicia é a máis contaminante posible: baséase na utilización de equipos electróxenos con motores de explosión diésel en funcionamento  24 horas ao día e utilizando gasoleo agrícola. Equipos que non están automatizados, senón que acenden e apagan a man o persoal da consellería (axentes ambientais, vixilantes, etc.) de xeito precario e varias veces no día, unha delas na madrugada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Feitor

É de esperar que a CIG presente a oportuna denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente ou o Xulgado de Garda.