A Xunta quere ter o traspaso do litoral antes do 23 de abril

Di que recibiu unha "proposta moi inicial" do Goberno central.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2025 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, informou de que, o pasado 10 de febreiro, a Xunta recibiu por escrito unha "proposta moi inicial" do Goberno central para o traspaso de "algúns" medios --persoal e vehículos-- en materia de litoral, pero considéraa insuficiente.

En resposta a unha pregunta do PPdeG no pleno do Parlamento galego, a conselleira esixiu que se complete esta transferencia de "plenas competencias" antes de que o 23 de abril de 2025 se cumpra un ano da sentenza do Tribunal Constitucional (TC) que avalou a lei galega de litoral.

A conselleira indicou que o ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, respondeu --o 7 de febreiro-- á carta que lle enviou --o 17 de xaneiro-- o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para reclamar axilizar estas xestións. Tras iso, a Xunta recibiu un documento de proposta do Goberno no que faltan por cuantificar medios, cargos e inmobles, ademais de queixarse de que está pendente o traslado de expedientes, así como a consignación orzamentaria correspondente.

Tamén tivo palabras de reproche para o BNG e PSOE, aos que di que "deberían pedir desculpas" por estar "equivocados". Paralelamente, Vázquez explica que a Xunta avanzou no desenvolvemento da lei durante estes 10 meses coa constitución dunha comisión interdepartamental, a consulta pública previa para crear un foro do litoral, a posta en marcha dun visor web de zonas protexidas, así como a consulta pública --ata o 31 de marzo-- das Directrices de Ordenación do Litoral.

Pola súa banda, Paula Prado (PPdeG) afirmou que, "probablemente, o ministro Víctor Torres está máis ocupado en tapar o de pisitos de señoritas que en porse a traballar". O debate pechouse cunha petición de palabra do deputado Luís Bará (BNG) polo que consideraba "declaracións inexactas" da conselleira cara á súa persoa. Con todo, Elena Candia, que se atopaba presidindo o pleno ante a baixa do presidente do lexislativo, Miguel Santalices, denegou esta quenda.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, no Parlamento
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, no Parlamento | Fonte: MONICA ARCAY CARRO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta