Calvo pide ser "comprensivos" cos atrasos de buses: "Facer unha hora e pico nun bus e atrasarse 5 minutos é para dar un premio"

Calvo respondeu así ás críticas que facía no pleno do Parlamento galego o deputado do BNG Brais Ruanova, durante unha pregunta sobre as liñas de bus na comarca pontevedresa do Baixo Miño.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2025 | Actualizada ás 18:42

Comparte esta noticia

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, pediu este mércores ao BNG ser "comprensivos" cando se producen demoras nas liñas de transporte público: "Facer unha hora e pico nun autobús e atrasarse cinco minutos é para dar un premio". Calvo respondeu así ás críticas que facía no pleno do Parlamento galego o deputado do BNG Brais Ruanova, durante unha pregunta sobre as liñas de bus na comarca pontevedresa do Baixo Miño.

O nacionalista enumerou "incumprimentos reiterados de horarios", veciños que "esperan horas por un autobús que non dá chegado" e "sobrecarga de pasaxeiros". Todo iso, engadiu, debido á "mala xestión da Xunta" e dunhas empresas concesionarias que non cumpren "os mínimos estándares de calidade". Ante estes reproches, o conselleiro de Presidencia, que ten no seu departamento as competencias de Mobilidade, defendeu que no Baixo Miño hai un total de 61 liñas que fan 1.026 paradas "todos os días".

Ademais, asegurou que se incrementaron nun 33 por cento, ata superar os 93.000, os pasaxeiros nos pasados meses de outubro e novembro. "Vostede cre que a xente é parva? Sabe por que se incrementan os usuarios? Porque lles dá servizo o autobús. Se o sistema de transporte non lles valese para nada, non utilizaban o autobús", esgrimiu. A continuación, Diego Calvo recoñeceu que pode haber "desaxustes", pero negou que sexan tal e como os relatou o deputado do BNG. Neste sentido, dixo que cando un traxecto dura "unha hora e pico" o vehículo pode atoparse "con calquera circunstancia".

"Claro que si, e hai que ser comprensivos cando un bus se atrasa cinco ou dez minutos. Había que darlle un premio, porque facer unha hora e pico nun autobús e atrasarse cinco minutos é para darlle un premio. Tiñan que ser un pouco máis comprensivos e saber do que estamos a falar e non, cada vez que hai un problema ou alguén fai unha queixa, polo coma se fose un problema", concluíu o conselleiro.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, responde a unha pregunta no pleno do Parlamento galego
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, responde a unha pregunta no pleno do Parlamento galego | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta