Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2025 | Actualizada ás 18:25
A deputada do BNG Rosana Pérez denunciou inacción da Xunta ante a "situación dramática" da pesca e o marisqueo. Acusa á Consellería do Mar de malgastar máis de 14 millóns en feiras e de só adicar "tres ou catro millóns" a investigación. Así o expuxo nunha interpelación no pleno do Parlamento na que denunciou que as lonxas sufriron un esborralle do 91 % en 15 anos do PP na Xunta, polo que perderon de vender 83.440 toneladas nese período. Calcula que facturaron 40,8 millóns menos. Tamén alerta de que o sector perdeu 6.209 traballadores, un 25 %, nestes anos.
A modo de exemplo, Pérez denunciou que o marisco que se comeu en Nadal en Galicia foi "importado". De feito, cuestiona "que produto promociona" a Xunta nesas feiras se o galego "está polo chan". En resposta, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defendeu que Mar destina "moitísimos" recursos a investigación, que supoñen "unha alta porcentaxe do orzamento". Avoga por afrontar a problemática con "cordialidade e entendemento" co sector, a través da "cogobernanza". Villares incide en que a Xunta xa mobilizou 70 millóns dos 123 millóns do plan de marisqueo, á vez que achaca a mortaldade "excesiva" do marisco ás fortes choivas. Así mesmo, reprocha ao Bloque o seu "discurso irascible" e "tan extremo" a pesar de que o anterior europeo de Pesca, o lituano Virginijus Sinkevicius, era do Grupo dos Verdes como o Bloque.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.