'Allariz Camiña pola Igualdade, e ti?', lema para o 8M na vila do Arnoia

O concello vén de presentar unha ampla programación dentro das XXI Xornadas para a Igualdade. Ademais do tradicional manifesto pola igualdade, haberá charlas, espectáculos musicais, un Escape Room e unha carreira/andaina.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 20/02/2025 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Concello de Allariz, a través da súa área de Benestar Social, presenta a programación das XXI Xornadas para a Igualdade 2025, que se celebrarán con motivo do Día Internacional da Muller baixo o lema "Allariz Camiña pola Igualdade, e ti?". Unha declaración de intencións que reafirma o compromiso municipal e convida a refllexionar e tomar conciencia sobre a responsabilidade individual e colectiva para formar parte activa do movemento polos dereitos das mulleres. 

Tania Álvarez, concelleira de Benestar Social; Cristina Cid, Alcaldesa; e Cristina Outeiriño, técnica en Igualdade. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Tania Álvarez, concelleira de Benestar Social; Cristina Cid, Alcaldesa; e Cristina Outeiriño, técnica en Igualdade. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

O evento foi presentado oficialmente hoxe pola alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, acompañada pola concelleira de Benestar Social, Tania Álvarez, e pola técnica en Igualdade, Cristina Outeiriño

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

O programa, que buscan sensibilizar, educar e fomentar o debate sobre a igualdade, inclúe diversas actividades. O acto inaugural será o venres 7 de marzo, cun Manifesto pola Igualdade na Praza Maior ás 12:00 horas, seguido pola tarde cá charla "A Revolución Amorosa", impartida pola escritora e investigadora Coral Herrera, no Fogar dos Maiores ás 19:00 horas.

O sábado 8 de marzo, ás 17:00 horas, terá lugar o espectáculo musical "Soñando Inventei" na Casa da Cultura, unha proposta destinada a público familiar e aberta ata completar capacidade.

O venres 14 de marzo, a mocidade terá a oportunidade de participar no Escape Room "Misión Igualdade", unha actividade dirixida a adolescentes de 12 a 18 anos que se celebrará na Casa da Mocidade ás 18:00 horas. A inscrición será previa e poderá realizarse ata o 12 de marzo a través do correo mocidade@allariz.gal (capacidade limitada a 30 persoas).

O evento pecharase o domingo 16 de marzo coa Andaina/Carreira pola Igualdade, que sairá da Praza Maior ás 11:30 horas. A participación é gratuíta e poderá formalizarse ata o 28 de febreiro ás 12:00 horas enviando un correo a igualdade@allariz.gal ou chamando ao 988 55 40 59. As persoas participantes  indicarán o seu nome, número de contacto e a súa talla de camiseta no momento da inscrición xa que recibirán unha camiseta conmemorativa das xornadas o día da Andaina/Carreira. A xornada rematará cun concerto de Soul&Roll ás 13:00 horas, tamén na Praza Maior.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta