Desde o luns os pacientes con medicacións non demorables beneficiaranse do sistema de renovación urxente de receitas

Sanidade asina cos colexios de farmacéuticos o acordo para implantar este sistema "excepcional" para medicamentos concretos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2025 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade asinou este martes o convenio de colaboración cos catro colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia para pór en marcha, a partir do próximo luns, 24 de febreiro, o sistema de renovación urxente, sen ter que pasar polo médico de familia, para receitas de medicamentos que non poidan demorarse. Só se poderá acudir a este mecanismo unha vez porque é "excepcional", para casos nos que poida correr risco a vida do paciente, tal e como advertiu o conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, durante o acto de sinatura celebrado na sede do seu departamento, no barrio compostelán de San Lázaro.

En palabras da presidenta do Colexio oficial de Farmacéuticos da Coruña, Sara Catrain, este acordo supón "solucionar os problemas" daquelas persoas para as que "é perigoso" que a súa medicación se demore no caso de que non puidesen acudir ao seu médico de cabeceira para renovar a receita. Galicia será a "única comunidade" con este mecanismo que permite "evitar que queden sen tratamento". O titular de Sanidade explicou que a este sistema "excepcional" poderanse acoller pacientes que "só teñen medicación para 72 horas" e que non poden demorar a súa toma.

O convenio detalla que están incluídos determinados fármacos como antidiabéticos, contra a epilepsia, antipsicóticos para enfermidades psiquiátricas e demencias, así como terapias inmunosupresoras para trasplantados e terapias cardiovasculares. Durante toto o 2024, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) rexistrou un tres millóns de consultas para a renovación de prescricións farmacéuticas en atención primaria. Delas, unhas 315.000 foron "forzadas", é dicir, consultas non programadas para isto mesmo.

Á parte do conselleiro e Catrain, como responsable do colexio de farmacéuticos da Coruña, no acto participaron a secretaria xeral técnica de Sanidade, Natalia Lobato, a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, e os outros tres presidentes dos colexios de farmacéuticos: Alejandro Sánchez (Lugo), Santiago Leis (Ourense) e Beatriz García (Pontevedra).

COMO FUNCIONA

Esta iniciativa establece unha canle de comunicación directa entre os pacientes, o persoal farmacéutico comunitario e os profesionais médicos técnicos de saúde para poder atender estas demandas. Naqueles casos nos que unha persoa acuda a unha oficina de farmacia solicitando medicación de modo urxente, en primeiro lugar, o farmacéutico ou farmacéutica deberán comprobar se o paciente dispón de receitas para dispensar en relación coa medicación crónica solicitada.

No caso de que non estean dispoñibles as receitas, e para efectos de comprobar para cantos días dispón de medicación, o persoal farmacéutico verificará a data da última dispensación e a súa pauta na folla de medicación activa, preguntando ao usuario sobre a cantidade e para cantos días dispón aínda de medicación no seu domicilio. A urxencia considerarase se non quedan doses para máis de 72 horas, aínda que se poderá valorar individualmente cada suposto.

Comprobada a urxencia da medicación solicitada, o persoal farmacéutico verificará que esta forma parte da listaxe de medicamentos non demorables incluídos no procedemento. Se non formase parte desta listaxe, o persoal farmacéutico informará ao usuario de que deberá solicitar cita co seu médico de familia para a renovación da súa prescrición e sobre a necesidade de pedir cita para a renovación de receitas coa debida antelación para evitar chegar a situacións de urxencia.

Se se cumpren as premisas de urxencia e medicamentos non demorables, o persoal farmacéutico porase en contacto co Sergas nun número de teléfono habilitado exclusivamente para este procedemento, en horario de 9.00 a 21.00 horas, de luns a venres. Fóra deste horario non se poderá facer uso desta vía excepcional, polo que, para resolver a demanda de renovación da súa prescrición, o usuario ou usuaria terán que recorrer ás canles comúns de atención sanitaria.

A chamada será atendida por un profesional médico técnico de saúde, que deberá verificar, así mesmo, que se cumpran as premisas para a renovación da medicación non demorable. No caso de que o persoal médico técnico de saúde comprobe que non se produce a situación de urxencia ou a medicación solicitada non forma parte da listaxe definida, comunicará ao persoal farmacéutico da oficina de farmacia comunitaria que o paciente debe solicitar cita co seu médico ou médica de familia para a renovación da prescrición da medicación solicitada.

No caso de que si se cumpran as premisas definidas, o persoal médico técnico de saúde asignará na súa axenda unha cita telefónica para a realización da renovación da prescrición do paciente. Para axilizar o procedemento e evitar as demoras, o persoal médico técnico de saúde deberá contactar co paciente con moita brevidade, e realizará a renovación da prescrición na cantidade mínima suficiente para cubrir a situación de urxencia (habitualmente un envase).

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, firma cos colexios de farmacia un convenio para establecer un sistema de renovación urxente de medicamentos
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, firma cos colexios de farmacia un convenio para establecer un sistema de renovación urxente de medicamentos | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta