Por Ángela Precedo | LUGO | 24/02/2025 | Actualizada ás 21:00
Cando pensamos en Entroido de seguida se nos veñen á cabeza os peliqueiros de Laza, os cigarróns de Verín ou as pantallas de Xinzo de Limia como os principais expoñentes dunha celebración que ten unhas raíces moi fondas na nosa terra, entrelazadas coas festividades pagás precristiás e as festas medievais europeas. Sen embargo, e por desgraza, non todos os Entroidos tradicionais se conservaron no tempo, habendo algúns que desapareceron por diversos motivos. Con todo, son moitas as asociacións culturais que nos últimos anos loitaron pola recuperación das celebracións das súas respectivas parroquias e aldeas e que volveron poñer en valor a festa dos seus antergos, como un elemento máis do patrimonio inmaterial galego digno de preservar e de valorizar. Dende o Galicia Confidencial, despois de ter falado xa do Entroido de Budián (Pantón), cos seus Brancos e o seu Farranquí, achegámonos hoxe ata o Entroido de Salcedo, no concello lucense da Pobra do Brollón e ao seu Oso, como figura central da festividade. Unha celebración que leva centos de anos celebrándose, pero da cal aínda na actualidade se están a recuperar elementos, como os seus disfraces de campo.
A orixe do Entroido de Salcedo é incerta, a pesar de que moito se tratou de buscar. Como conta Lucas, presidente da Asociación Veciñal de Salcedo, "houbo ata un antropólogo francés e outro xaponés que estiveron investigando as raíces da nosa celebración, pero non deron atopado a data exacta", aínda que, en calquera caso, pódese afirmar sen lugar a dúbidas que "conta con centos e centos de anos de antigüidade ás súas costas", estando vinculado a antigos rituais de fertilidade e ciclos agrícolas. Con todo, a celebración non se mantivo intacta ao longo do tempo, habendo certas partes da mesma que se perderon e que agora se están tratando de recuperar. Por iso, aínda que a figura central deste Entroido e pola ampla maioría da sociedade coñecida é a do Oso de Salcedo, que atrae a moitos visitantes, nos últimos anos reivindicouse tamén a presenza na festividade dos Disfraces de Campo.
DOS DISFRACES DE CAMPO, UNHA ESPECIE DE TEATRO MUDO; ÁS MADAMAS E DANZANTES, BURLA ÁS CLASES ALTAS DE ÉPOCAS PASADAS
A xente que vai ataviada cos Disfraces de Campo "representa algo así como un teatro mudo, actuando sen falar, só con xestos", de curta duración e ao que se coñece como 'farsa'. Estas representacións adoitan abordar temas da vida cotiá, da política ou da actualidade, sempre empregando un tono satírico e humorístico. Ademais, adoitan presentarse en espazos públicos, como as prazas ou as rúas, sendo interpretados sempre polos propios veciños de Salcedo, polo que esta tradición tamén contribúe a fomentar a participación comunitaria e a creatividade, permitindo aos habitantes de Salcedo expresar as súas opinións e sentimentos de maneira lúdica e colectiva. E por que o nome de Disfraces de Campo? Pois tampouco se sabe moi ben de onde parte esta denominación, pero Lucas cre que pode deberse a que "se facían empregando o que a xente tiña pola casa, máis á man". A saída destes personaxes ten lugar durante o domingo de Entroido.
Pero ademais dos Disfraces de Campo, outras figuras que tamén se están poñendo en valor nos últimos anos neste Entroido son as Madamas e os Danzantes. En concreto, Lucas conta que as Madamas "son mulleres que van disfrazadas cuns traxes moi bonitos, con moitas cores e teas que semellan ser luxosas, porque tratan de facer unha burla das clases altas que había en épocas pasadas e que vestían con roupas moi boas", naqueles tempos nos que a sociedade semellaba estar dividida en estamentos impenetrables. Así, levan saias longas, blusas, mandís e panos na cabeza, ademais dunha máscara que lles cobre o rostro. Xunto a estas figuras van as dos Danzantes que, "basicamente, son homes vestidos cun traxe negro moi luxoso que acompañan ás Madamas bailando cando toca a Alborada". Ao igual que os Disfraces de Campo, ambos personaxes saen durante o domingo de Entroido.
O OSO DE SALCEDO: OSO GRANDE E OSO PEQUENO, O FINAL DO INVERNO E A CHEGADA DA PRIMAVERA NUNHA ZONA CON MOITA PRESENZA DESTE ANIMAL
No tocante ao Oso de Salcedo, Lucas explica que esta é sen lugar a dúbidas a figura central do Entroido da parroquia e "sempre acompañado por uns 14 criados que o protexen e o axudan a manchar á xente". E por que un oso? Aínda que tampouco é sinxelo de determinar, considera que, "por unha banda, débese a que o Entroido coincide co final do inverno e o comezo da primavera, cando os osos espertan da hibernación; e, pola outra, podería estar relacionado co feito de que A Pobra de Brollón está ao lado do Courel e aquí sempre tivemos presenza do oso pardo, como demostran as alvarizas que aínda conservamos--construcións antigas que protexían ás colmeas dos ataques do oso--". Así, a persoa que se disfraza de Oso "porta un disfrace feito principalmente con peles de ovella, acompañado dunha máscara de coiro, e leva tamén unha campás penduradas" que alertan aos veciños da súa chegada, xa que, "antigamente, o Oso saía en calquera momento, fose día ou fose noite, fose sábado ou martes, aínda que agora sempre o fai os luns ás cinco da tarde". A maiores, "leva consigo unha cinza para tintar á xente". Así mesmo, os criados que o acompañan e o protexen tamén teñen un traxe específico, "feito coa tea dos sacos de patacas", conta Lucas.
Como podemos ver, o Entroido de Salcedo é un deses Entroidos galegos que paga a pena manter no tempo, con figuras que se deben reivindicar para que nunca se perdan. Lucas, aos seus 25 anos, como presidente da Asociación de Veciños de Salcedo, é todo un exemplo de como a xente nova pode manter o interese polas tradicións das súas parroquias. "Eu dende que nacín, practicamente, participei no teatro que facemos aquí --unha das iniciativas culturais máis destacadas da parroquia de Salcedo coñecido por ser o espazo onde se representan varias das tradicións e manifestacións culturais máis antigas e vivas da zona, particularmente as relacionadas co Entroido-- e dende pequeno vin a figura do Oso Pequeno, que é a representación do Oso que se fai para os máis pequenos, así que todo iso fixo que arraigase en min ese compromiso co Entroido da miña terra e con seguir adiante con el", confesa. De cara ás xeracións vindeiras, Lucas amósase moi esperanzado, porque ve que aos máis pequenos "lles gusta e empezan dende ben novos a participar no Entroido, a través desa figura do Oso Pequeno e da obra de teatro, coa que xa lle van collendo un pouco o gusto a esta tradición".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.