Por Europa Press / Redacción | MADRID | 19/02/2025 | Actualizada ás 11:17
O presidente do Goberno, o socialista Pedro Sánchez, aproveitou unha pregunta no Congreso sobre política de vivenda para dicir que o PP só esta pendente de dúas vivendas, o ático no que vive a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, e o chalé en Moaña de Eva Cárdenas, parella do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo.
Fronte a unha pregunta de Bildu expóndolle medidas concreta para resolver o problema da vivenda que lidera as preocupacións dos españois, o presidente do Goberno desviou o foco cara ao PP, que ao seu xuízo só está pendente das vivendas dos seus líderes. "Hai partidos que boicotean a lei de vivenda e que, por certo, soamente están pendentes de dúas vivendas: unha, un ático en Chamberí e outra, un chalé de Moaña con acceso privativo á praia", remachou, en referencia á residencia onde habita Díaz Ayuso e a casa da parella de Feijóo.
O PSOE xa deu a coñecer esta semana un comunicado no que avisaba de que os seus servizos xurídicos analizan a legalidade da vivenda de Eva Cárdenas e a súa solicitude para ampliar ata 2037 a concesión do terreo que dá acceso á praia desde a súa casa en Moaña. En concreto, o PSOE dubida de "se é legal" a solicitude da parella de Feijóo para a concesión ata 2037 do acceso á praia desde a súa casa, xa que "existen múltiples indicios de que a parcela se atopa en situación ilegal".
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou o martes pasado a notificación de inicio de expediente para determinar os posibles dereitos que lle puidesen corresponder a Cárdenas como propietaria, tras a súa petición de concesión, un paso que chega no marco dun procedemento activado por Costas previamente encamiñado a recuperar a posesión dun terreo duns 210 metros cadrados pertencente ao dominio público marítimo-terrestre.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.