Por Galicia Confidencial | Santiago | 30/03/2016 | Actualizada ás 16:00
Por que teñen tan pouca visibilidade as mulleres artistas nas exposicións que se realizan en Galicia? A partir desta pregunta, o Consello da Cultura Galega fixo un amplo informe sobre a situación das artistas galegas cuxos resultados, publicados recentemente, poñen de manifesto que o sector da arte en Galicia tamén discrimina ás mulleres fronte aos homes.
O estudo 'Arte + mulleres. Creadoras galegas' examina por primeira vez as cifras reais deste desfasamento, nun marco temporal que abrangue desde 1990 a 2013, elaborando un documento sobre a presenza das creadoras galegas respecto á dos artistas homes. Nel revísanse unha serie de acontecementos artísticos que permiten comprobar as evidentes diferenzas numéricas existentes entre ambos os dous sexos.
Segundo o informe, neste período avanzouse na profesionalización na arte contemporánea, aumentando o número de mostras, de salas de exposicións e museos, o que supuxo a institucionalización da formación artística para todo o ámbito galego. Ademais, desenvolvéronse iniciativas para promover a igualdade, amais de exposicións, bolsas ou premios, xunto ao espallamento do pensamento feminista a través de publicacións e outras accións divulgativas. Porén, os datos da participación das artistas mulleres, o recoñecemento ao seu traballo e a súa inclusión en coleccións demostran unhas diferenzas que apenas melloraron.
Transformación sen resultados para as creadoras
As dúas décadas que abrangue este informe (1990-2013) supuxeron unha transformación do panorama artístico galego tanto a nivel de difusión como de formación ou de produción artística. Consecuentemente, as condicións de acceso á arte contemporánea e aos medios de produción e de lexitimación artística deberían ter sido máis favorables para os distintos suxeitos, así como o atractivo e a valorización da profesión de artista.
O aumento do número de institucións e o seu carácter diversificado significaron a apertura cara a un maior espazo para o desempeño e recoñecemento profesional a un amplo número de autores. Do mesmo modo, a profesionalización debeu ir parella á aplicación de criterios artisticamente competentes, estritamente profesionais e, polo tanto, libres de prexuízos respecto das supostas capacidades e valías en función do sexo.
Se a isto se suma a posta en práctica de distintas medidas de presión a prol da igualdade e a diseminación do pensamento feminista no eido cultural, nese espazo cronolóxico tería que producirse un forte impacto na visibilidade e evidencia do traballo das mulleres artistas e un incremento sostido durante estes anos, fronte a anteriores etapas en que as condicións eran profundamente desfavorables e hostís para as mulleres artistas ou con aspiración a selo.
Non obstante, o estudo do Consello da Cultura demostra que, a pesar dos cambios e melloras acadadas, persiste unha situación moi desfavorable para as artistas en Galicia. Aínda tendo en conta o amplo legado no terreo da teoría e da práctica artística, das accións e iniciativas levadas a cabo contra a discriminación das mulleres na creación, as artistas non acadan un recoñecemento parello aos artistas homes.
Así, o informe conclúe que se observa unha paulatina mingua da presenza feminina ata o momento actual: diminución na súa participación nas exposicións colectivas consideradas importantes sobre a arte galega, incluso na realización de exposicións individuais ou na dinámica expositiva habitual programada polas institucións. Mesmo na promoción das novas xeracións, así como na obtención de bolsas para a creación ou de premios para artistas emerxentes.
O estudo tamén salienta que as mulleres obteñen menos apoios e recoñecementos necesarios para continuar na profesión e consolidar a traxectoria. Do mesmo modo, obsérvase un ínfimo acceso aos espazos e postos máis buscados ou aos circuítos máis exclusivos como os grandes eventos, as coleccións de renome, os premios con maior repercusión ou os recoñecementos honoríficos.
En definitiva, o balance de comprobación final deste informe segue a indicar as evidentes cifras da desigualdade entre artistas mulleres e homes no eido galego da arte.
O estudo salienta que a proxección fóra das nosas fronteiras de artistas como Ángela de la Cruz ou Carme Nogueira e de comisarias como Chus Martínez ou Iria Candela pon de manifesto o potencial que se está a perder e a obrigación das institucións de axudar a cambiar pautas culturais que veñen desde moi atrás.
Por todo isto, o Consello da Cultura fai un chamamento a institucións e axentes do contexto artístico para que tomen medidas contra esta problemática e establezan estratexias que fomenten activamente a igualdade: accións como a presenza paritaria nos proxectos expositivos, na configuración das coleccións, na concesión de bolsas ou de recoñecemento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.