Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2025 | Actualizada ás 15:25
Un total de seis persoas que, durante o ano pasado, solicitaron a prestación de axuda a morrer dignamente, pediron tamén ser doantes de órganos, e "grazas a súa xenerosidade", practicáronse un total de 31 transplantes. Así o deu a coñecer este xoves a directora de ADOS, Marisa López, que compareceu na Comisión 5º, de Sanidade, para analizar as cifras e evolución dos transplantes de órganos en Galicia, en resposta a unha pregunta formulada pola deputada popular Encarna Amigo. Na súa intervención, Marisa López destacou os bos resultados en termos de transplantes en Galicia, cunha "actividade sen precedentes" e subliñou a influencia nestes parámetros de cuestións como a redución de negativas familiares ou o programa de doazón en asistolia, instaurado en 2012.
Ademais, lembrou, coa regulación en 2021 da prestación de axuda a morrer permítese en Galicia que as persoas que o desexen sexan, así mesmo doantes. Nesta liña, a directora de ADOS apuntou que, en 2024, seis persoas que solicitaron a eutanasia "puideron cumprir o seu desexo de ser doantes" e posibilitaron 31 transplantes. No ano 2024 houbo en Galicia un total de 137 doantes de órganos, "o mellor resultado desde o inicio do programa en 1981". Estes permitiron a realización de 424 transplantes na comunidade, unha "marca absoluta", o 28 % máis que o ano anterior e 24 puntos por enriba da taxa media española.
Así, os datos reflicten o crecemento en todos os programas de transplantes en 2024. En concreto, rexistráronse 208 transplantes renais, cun incremento do 24 % con respecto ao 2023; 64 pulmonares dos que 36 foron bipulmonares, o que supón 31 % máis; 118 hepáticos, 34 % máis; e 30 transplantes cardíacos, un 36 % máis que o ano anterior. O pasado 10 de febreiro, ademais, cumpriuse o fito dos 10.000 transplantes en Galicia desde o inicio do programa, lembrou, e na actualidade hai menos de 200 pacientes á espera, o que supón, tamén, "un fito".
CONTINUAR INCREMENTANDO A CONCIENCIACIÓN
Para manter estes niveis, a intención do Executivo galego é seguir informando e sensibilizando á sociedade para propiciar unha conciencia proclive á doazón e diminuír, aínda máis, as negativas familiares á doazón. ADOS reforzará, ademais, a colaboración coas asociacións de pacientes trasplantados, traballando a través dos programas de aprendizaxe e sensibilización, coa participación no Programa salvavidas do Plan Proxecta e por medio das charlas na escola impartidas por profesionais e enfermos.
Igualmente, búscase manter a formación continuada de todos os profesionais, residentes, coordinación autonómica e hospitalaria, xunto coa Organización Nacional de Transplantes, na xestión de comunicación e doutros aspectos médicos legais no ámbito da doazón. Xunto co anterior, Sanidade potenciará a capacitación dos equipos dos programas de transplantes para manter os niveis de excelencia dos profesionais que permitan consolidar e mellorar os resultados conseguidos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.