Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2025 | Actualizada ás 18:34
O Festival Rosalía de Castro chega este ano á súa sétima edición, e iniciará a súa programación este venres, con actividades musicais, teatro, animación de rúa e poesía ao longo de tres días. O evento está organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela.
Así, este ano conmemórase o 188º aniversario do nacemento da autora, baixo a lema 'Sen pombas nin flores'. As actividades comezan este venres cunha visita guiada ás 17,00 horas á Casa Rosalía de Padrón, a cargo do poeta e profesor Anxo Angueira.
Xa o sábado pola mañá abrirase a feira na Praza de Mazarelos, coa participación de Libraría Pedreira, Árbore Azul, 13D Deseño Galego Impreso en 3D, Casperolota Atelier, Cuire Acuarelas, Acontravento, Egretta Biloba e Coas Mans Artesanía. Tamén pola mañá haberá uns pasacalles teatralizado a cargo dos Quinquilláns.
Ao mediodía celebrarase o taller de 'regueifa' para familias e unha mostra de improvisación a cargo de Regueifa Tour, e coa participación de Manolo Maseda e Sechu Sende. Ás 13,45 horas, a 'sesión vermú' correrá a cargo do Coro Encaixe.
Pola tarde, na Praza de Mazarelos será a quenda de Somos pandereiteiras, un proxecto de Mercedes Peón e composto polos grupos Raigañas de Cerqueda (Malpica de Bergantiños), Xirifeiras (Fene) e a Asociación Cultural Rosalía de Castro (Padrón), que reflexionarán sobre outras formas de vivir a música desde a sororidadel e coa convicción de crear o novo relato da existencia como 'tocadoras'.
Máis tarde haberá un recital poético con Anxo Angueira, Nuria Vil e Andrea Nunnes e despois presentaranse os libros 'Cantares Miúdos' e 'Rosalía oculta', unha obra gráfica de Paula Maior, editada por Galaxia e galardoada co Premio Castela de Banda Deseñada 2023. Ás 20,00 horas o Teatro Principal acollerá o concerto de Tres Pesos.
O domingo a feira abrirá un pouco máis tarde (pola manifestación convocada por Queremos Galego) e a 'sesión vermú' será ás 14,00 horas da man de Clo Plas; e pola tarde celebrarase en Mazarelos o 'Quizz Rosaliano', un xogo familiar sobre a figura de Rosalía de Castro.
Ás 17,00 horas do domingo, actuarán Rafa Fernández, Lara Dopazo e Iván Torres, e igualmente pola tarde o Colexio Maior de San Agustín acollerá un espectáculo a tres voces, 'A primavera vai chegar', con Faia Díaz, Paula Romeu e Inés Salvado, que une música e poesía.
O festival terminará coa obra de teatro para todos os públicos 'Rosalía', protagonizada por Rocío González e Cris Collazo, baixo a dirección de Fina Quella, ás 18,30 horas no Teatro Principal.
PLAN DE OBRAS E SERVIZOS
Por outra parte, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, avanzou que este organismo achegará ata 15,9 millóns de euros aos concellos que forman parte das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal a través do POS (Plan de Obras e Servizos) deste ano 2025, "na primeira achega deste exercicio, porque haberá unha máis en marzo", dixo.
Isto supón "un 72% máis de financiamento" con respecto ao comezo deste plan, en ano 2016, e que a Deputación "achegue máis financiamento aos concellos da provincia da Coruña que a Xunta de Galicia no conxunto do catro provincias galegas".
Así o dixo Formoso na mañá deste xoves en Narón, localidade que visitou acompañado de Cristina García (BNG), responsable de plans provinciais, sendo ambos os recibidos pola alcaldesa deste municipio, Marián Ferreiro (TEGA).
"Incorporamos este plan, que en si mesmo é unha ferramenta de investimento e de financiamento de servizos públicos básicos que ten os concellos", destacou González Formoso, asegurando que, sen o POS, "sen esta ferramenta perderían o que é un alicerce básico de traballo, e de garantía de financiamento".
Segundo o presidente da Deputación da Coruña, desde 2016 este plan "leva investido nesta comarca 136 millóns de euros, financiado 877 obras, servizos públicos e sociais", mentres que en Narón "desde 2016, foron 23 millóns de euros na súa totalidade", detallando que para esta anualidade serán 2.146.000 euros.
CRÍTICAS Á XUNTA
Valentín González aproveitou a súa presenza no Concello de Narón para criticar á Xunta, posto que estas cifras teñen que "facer reflexionar sobre a necesidade que teñen os concellos de resolver a cuestión financeira".
"Hai que ter en conta que os gastos correntes empezan a afogalos, o sostemento do sistema de benestar, tan importante para todos, tamén empeza a afogalos", dixo Formoso, que falou tambien de "a subida dos custos nas licitacións públicas de servizos".
É por iso que fixo "un chamamento a que o plan da Xunta incremente a todos os 200 millóns de euros para toda Galicia, que non é un gran incremento, pero si establecería unha dinámica de crecemento, en vez decrecimiento que estamos a ver" no plan de financiamiento aos municipios por parte da Xunta.
Pola súa banda, a alcaldesa de Narón lembrou que acaban de aprobar hai uns días, nun pleno extraordinario, os investimentos que van realizar coa achega da Deputación. "Agradezo que sexa con criterios obxectivos, máis que nada porque nos vale para planificarnos". Ferreiro detallou que con eses máis de dous millóns de euros teñen previsto realizar "melloras en accesibilidade, en viarias, en equipamentos municipais ou de redes de servizos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.