Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/02/2025 | Actualizada ás 12:04
A Fundación Rosalía de Castro volve chamar á sociedade galega a celebrar o Día de Rosalía lendo a súa obra, comendo un Caldo de Gloria (o cociñeiro convidado deste ano é Alberto Carou, do Curral do Marqués) e participando na Alborada para Rosalía. Os actos oficiais terán lugar en Santiago e Padrón, con música dos Carapaus e de Antía Muíño e coincidirán coa gran manifestación convocada por Queremos Galego que é tamén en Compostela o vindeiro domingo. Ademais, distintos concellos de Galicia teñen convocado actos para esta fin de semana en honor á gran poeta galega.
Con febreiro chegan as celebracións do Día de Rosalía, que este ano se amplían cunha nova campaña chamada Rosalía é Mundial, que publicará durante as vindeiras semanas vídeos de xente da cultura de todo o mundo recitando a Rosalía. A campaña comezou o pasado venres co cantante Manu Chao, que tivo ducias de miles de reproducións, e onte coa escritora e xornalista española Rosa Montero.
A Fundación Rosalía convida a todo o país a celebrar o Día de Rosalía lendo textos da autora, facendo un Caldo de Gloria e uníndose á Alborada para Rosalía. Ao longo de todo o país terán lugar centos de actos e iniciativas, entre as que destacan o agasallo dun marcapáxinas de Rosalía en todas as librarías do país.
ACTO CENTRAL EN SANTIAGO
Ademais, esta institución organiza senllas actividades en Santiago e Padrón: o acto central terá lugar ás 11 horas no Panteón de Galegos Ilustres. Haberá lectura de poemas rosalianos por parte de autoridades e persoeiros da realidade social galega, alén da actuación de Os Carapaus, e a cantante Antía Muíño. Antes, ás 10, haberá Alborada cos Carapaus e ofrenda floral na Praza de Vigo, onde naceu Rosalía en 1837. Este gran acto case que coincide coa manifestación convocada por Queremos Galego en Santiago para o mesmo domingo, un acto que este ano quixo facer coincidir co Día de Rosalía.
En Padrón ao mediodía sairán os xigantes de Rosalía e Castelao e haberá degustación degustación do Caldo de Gloria nos locais da vila ademais de ofrenda floral na estatua de Rosalía. E a xornada rematará na Casa-Museo con Caldo de Gloria ofrecido polo cociñeiro de Rianxo Alberto Carou (O Curral do Marqués), acompañado e un concerto posterior da cantora Antía Muíño.
MANTEIS DO CALDO
Ao Caldo de Gloria xa se sumaron moitos colexios e locais hostaleiros de todo o país, e repartíronse máis de 100.000 manteis da iniciativa, espallados por toda a xeografía galega. Este ano ademais participarán varios centros galegos no exterior, como os de Castelló, León e Pamplona.
A continuación, no auditorio da Casa-Museo terá lugar o concerto da cantora Antía Muíño. A súa máxica voz converteuna axiña nunha das revelacións da nova canción galega. Tamén este ano vólvese celebrar o Día de Rosalía cunha Alborada en colaboración coa Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, ao igual que se fixera en 2013 e nos cinco últimos anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.