Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 22/02/2025 | Actualizada ás 21:55
Ata hai ben pouco, quen buscaba consellos de exercicio ou rutinas de adestramento en redes sociais atopaba contidos maioritariamente en castelán ou inglés. Con todo, quen buscaba este tipo de contido en Instagram, Tik Tok ou YouTube en galego atopaba un baleiro que ninguén semellaba ter interese por encher. Pero isto está cambiando. A primeira conta de fitness en galego está a abrir camiño nun ámbito onde a lingua propia de Galicia apenas tiña presenza. Trátase de Galiactiva (@galiactiva). Con vídeos, recomendacións e unha comunidade en crecemento, esta iniciativa demostra que o galego tamén pode ser a lingua da saúde, do deporte e do benestar. Como xurdiu esta idea? Que acollida está tendo? Galicia Confidencial entrevista ao seu creador, Diego, que nos explica todos os segredos deste proxecto pioneiro que busca, ademais de promover hábitos saudables, reforzar a presenza do galego en novos espazos.
"Eu tiven claro dende o principio que quería facer unha conta de fitness, porque ao final eu adícame ao adestramento e gústame divulgar, polo que quería ter ese espazo para min e para o meu contido deportivo", cóntanos Diego, que confesa que, máis aló diso, "tamén tiña claro que non quería que o nome da conta fose o típico 'diego_fitness' ou os míticos prototipos que se ven por todos lados". Foi así como, para escapar de todo iso, e despois de dárlle moitas voltas, este mozo tivo a idea de facer algo máis orixinal e, ao mesmo tempo, que comulgaba cos seus valores. "E decidín facer a conta en galego, baixo o nome de 'Galiactiva', porque vin que non había ningunha conta fitness en galego, coma se o deporte fose un ámbito que escapa do galego e que mesmo en moitas ocasións tamén escapa do castelán, porque hai moitísimo máis contido en inglés", explica. Así que púxose mans á obra e xa leva algo máis de ano e medio somerxido neste apaixoante proxecto, que comezou a funcionar en xullo de 2023.
Dende esa, a conta non parou de medrar. "A xente acolleuna moi ben e recibimos continuamente moitas mensaxes de apoio", afirma Diego. Con todo, e aínda que o 99 % dos comentarios sempre son positivos, si que é certo que, ao igual que todos os creadores de contido en galego, "tamén teño recibido algún que outro comentario no que che piden que poñas os subtítulos en castelán para que entenda todo o mundo". Máis aló diso, este mozo cre que "unha das cousas que máis moitva á xente a seguir o proxecto é, precisamente, o estar a crear contido no noso idioma, porque ven que non hai nada máis en galego neste ámbito". E asegura que "cando adestras a unha persoa galega galegofalante en galego, e mesmo a unha castelánfalante, sente máis cercanía pola túa banda, porque sabe que eres daquí da súa terra, e séntese máis coma na casa".
"GALIACTIVA COMEZOU A XESTARSE CANDO, COMO MONITOR DE SALA, COMECEI A VER OS PROBLEMAS QUE A XENTE MANIFESTABA Á HORA DE ADESTRAR"
Botando a vista atrás, quen é Diego e como comeza o seu interese polo mundo do deporte e, máis en concreto, do adestramento? "A min sempre me interesou o deporte", confesa, e conta que "eu comecei a adestrar dende moi novo, porque aínda que xa de antes xogaba ao fútbol, foi con 17 anos que comezou a adestrar no ximnasio". "Con esa idade é o mítico, queres poñerte un pouco máis forte, ser máis potente, mellorar tamén a disciplina...", lembra. Pero, que aconteceu? Como confesa, "o que pasou foi que a esa idade non tes idea de nada, e como tampouco tiña quen me guiase, pois tiña a miúdo lesións, molestias e dores por facer as cousas ao meu xeito, coma un polo sen cabeza". Pero dos erros tamén se aprende e Diego sábeo ben, porque cada vez foise interesando máis e máis polo deporte ata facer del a súa profesión. "Catro aniños despois deses comezos xa comecei a traballar nun centro deportivo de Ourense, de onde eu son, como monitor de sala", conta.
Precisamente foi como monitor de sala que comezou a dárlle voltas á necesidade de crear Galiactiva, porque "comecei a ver os problemas que a xente manifestaba á hora de adestrar máis de preto, porque chegaban de novo a unha sala de adestramento e non sabían que facer nin como, se o que facían estaba ben ou mal, non se marcaban obxectivos...". "Vía todo ese xaleo", lembra entre chances, e sinala que "foi así como xurdiu a iniciativa de Galiactiva, tamén baseada nas necesidades que vía que había á hora de adestrar". De feito, Diego confesa que aínda a día de hoxe "gústame falar moito cos seguidores polas redes e resolverlles as dúbidas que teñan á hora de adestrar". Aínda que, en realidade, Galiactiva é unha plataforma que se pode usar para consultar tamén para resolver esas dúbidas --con ducias de vídeos explicativos e consellos-- e, a maiores, para solicitar asesorías de adestramento online personalizadas e adaptadas a cada caso concreto, en función das necesidades.
"A VIDA DE TODOS NÓS DEPENDE DO DEPORTE; EU SEMPRE APOSTO POR SEGUIR UNHA RUTINA QUE XUNTE RESISTENCIA, FORZA E MOBILIDADE"
Se tivese que definir o deporte nunha palabra, Diego ten claro que esa sería "vida", porque "a vida de todos nós depende do deporte". Con todo, concede que "'deporte' é un concepto moi amplo, porque tanto pode referirse a saír en bici todos os días como a saír correr, como a poñerse a nadar como a ir ao ximnasio". Por iso, este mozo asegura que "sempre aposto por seguir unha rutina de adestramento o máis completa posible, que xunte resistencia, forza e mobilidade, os tres piares fundamentais que baixo o meu punto de vista hai que tocar para reducir problemas de cara ao futuro", aínda que confesa que "isto tampouco che pode asegurar nada ao 100 %, pero si terás menos papeletas para desenvolver certos problemas no futuro, porque terás unha mellor calidade de vida, máis enerxía e vaste sentir moito mellor, sen ter o movemento limitado, para poder ser feliz e desfrutar máis da vida". E é que a día de hoxe a maioría das persoas pasan practicamente todo o día sentadas.
"Temos moi mala calidade de vida na sociedade actual, deportivamente falando", asegura Diego, que non culpa ás persoas de xeito individual disto, senón que se amosa consciente de que "fomos criados niso, xa dende o propio sistema educativo, cando nos facían pasar seis horas todas as mañás sentados, algo que a min me parece escandaloso para os máis pequenos". "Fáltanos moita riqueza de movemento no noso día a día, no senso de explorar planos aos que non estamos acostumados, sendo conscientes tamén de que hai cousas que nos van custar nun comezo, pero tendo claro que o máis importante sempre é dar o primeiro paso para querer facelo, buscando cousas distintas para dárlle riqueza de movementos ao noso corpo", plantexa. Pois, de feito, o ser humano por natureza está preparado para o exercicio físico, para someter ao corpo a esforzos e para sentirse vitalmente recompensado por eles. Os nosos antergos, na Prehistoria, non gozaban das comodidades actuais, pero si dunhas condicións físicas mellores.
"NON TODO PODE SER DISCIPLINA, TAMÉN TEN QUE HABER PARTE DE MOTIVACIÓN, E, ONDE CASE TODO O MUNDO FALLA, É EN QUERER COMEZAR TODO DE GOLPE"
Tamén hai que poñer sobre a mesa unha práctica que se repite de maneira case constante ao longo do ano en todos os ximnasios: despois do Nadal, en Ano Novo, moita xente se suma a facer deporte, ao igual que antes do verán, coa coñecida como 'operación bikini', pero nin a metade perpetúa ese adestramento inicial no tempo. Hai moito abandono do ximnasio. Por que? A que se debe? Diego apunta a que "non todo pode ser disciplina no adestramento, tamén ten que haber unha parte de motivación, e eu abogo máis por ter un sistema, porque os hábitos teñen que ir sempre de menos a máis e, onde case todo o mundo falla, é en querer comezar a facer todo de golpe, no canto de ir aumentando o esforzo progresivamente". Por iso, o creador de Galiactiva asegura que "o primeiro consello que eu lle daría a alguén que comece a adestrar, para que o seu proceso sexa sostible no tempo, é que comece sempre co mínimo, mesmo indo adestrar unicamente un ou dous días á semanas media horiña ou 45 minutos", porque "o importante é poñerse mínimos realistas que saibamos que imos poder cumprir ao 100 %". "Non se trata de ir o primeiro día, rebentarse, e non volver en dúas semanas", chancea.
"AS MODAS ESTÁN BEN SE ERAS UNHA PERSOA QUE NON FACÍA NADA E AGORA TE ATOPAS MOTIVADA POR VER UN VÍDEO NAS REDES, PERO HAI QUE IR MÁIS ALÓ"
Nese extra de motivación co que chega moita xente ao ximnasio por primeira vez --ou volvendo unha e outra vez despois de varios intentos e abandonos ao longo dos anos-- tamén teñen moito que ver as modas e as redes sociais. Nun mundo no que vivimos de estímulos que nos chegan a través dunha pantalla, moita xente ve adestramentos nos vídeos que logo quere imitar na realidade, porque lle chaman a atención. E son adestramentos que se acaban facendo virais e converténdose en moda. Diego pon o exemplo do que pasou dun tempo a esta parte do crossfit. Con todo, tampouco o ve como algo negativo, porque considera que "ten o seu lado positivo e o seu lado negativo, como todas as cousas, xa que non te podes enclaustrar nunha disciplina concreta e deixar a un lado as demais, pero ben é certo que no caso do crossfit estamos ante unha disciplina que combina forza, resistencia e mobilidade, polo que cuns adestramentos ben planificados pode ter moi bos resultados".
Deste xeito, cre que todo vai depender da disciplina, porque "se só practicas running e non te abres a practicar outras cousas, estaste perdendo doutro tipo de adestramentos e das súas vantaxes". Entón, dende o seu punto de vista, "as modas están ben se ves de ser unha persoa que non facía nada e agora te atopas motivada por ver un vídeo nas redes sociais e comezas a saír correr, porque con iso xa sumas algo que antes non facías, loitando un pouco contra ese sendentarismo". Así, "neste tipo de casos non me parecen mal as modas, porque todo o que fomente o movemento e o adestramento vai traer riqueza ás persoas que o practiquen", pero confesa que, "unha vez pasado ese pico de motivación inicial, hai que tomar consciencia de que hai moito máis, e tratar de crear unha rutina equilibrada de exercicios".
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- (Vídeo) Galiactiva, a conta de 'fitness' que demostra que o galego pode ser tamén o idioma da saúde
- Extinguido un incendio nun edificio de Ourense tras varias horas de traballo
- Gómez Caamaño visita o novo Laboratorio de Urxencias do CHUAC
- Clientes afectados por estafas bancarias protestan ante Abanca en Santiago
- Uns 300 participantes e 2.120 euros en xogo no 'Concurso de Disfraces de Arzúa'
- Un incendio nun garaxe de Santiago obriga a desaloxar varios veciños