Diego Calvo defende os protocolos de emerxencia de Galicia ante catástrofes naturais

O conselleiro asegura que a comunidade está preparada e que se fan exercicios para mellorar a resposta

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2025 | Actualizada ás 15:03

Comparte esta noticia

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asegurou que Galicia conta con protocolos para actuar ante case todas as catástrofes naturais e que, ao longo do ano, se realizan diversos exercicios de simulación para avaliar a súa eficacia.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, responde a unha pregunta no pleno do Parlamento galego
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, responde a unha pregunta no pleno do Parlamento galego | Fonte: Xunta de Galicia

"Cando se pon en práctica ese protocolo, búscase detectar debilidades e mellorar a coordinación cos servizos de emerxencia", explicou este domingo nunha entrevista na Radio Galega. Preguntado sobre se Galicia está preparada para afrontar un desastre de gran magnitude, como a recente DANA de Valencia, Calvo sinalou que sería un evento pouco probable na comunidade, pero que en caso de producirse, "tamén habería inundacións".

O conselleiro destacou que a Xunta incorporou aprendizaxes dos equipos galegos que participaron nos operativos de rescate en Valencia para mellorar os protocolos existentes. "Espero que, se algunha vez pasa algo parecido, os equipos estean totalmente preparados. Desde logo, está planificado", asegurou, incidindo en que a prioridade sempre é protexer as vidas humanas.

Durante a entrevista, Diego Calvo tamén abordou a Lei de eficiencia do servizo público de xustiza, que implicará cambios na estrutura dos partidos xudiciais galegos. O prazo de implantación esténdese ata mediados de ano para a maior parte de Galicia e ata finais de ano nas sete cidades principais.

Calvo recoñeceu que, no seu momento, a Xunta botou en falta "unha análise sobre os custos da implantación", xa que implicará crear novas prazas e redefinir postos de traballo. Aínda así, afirmou que o Goberno galego porá "todo da súa parte" para que a reforma cumpra os seus obxectivos.

Por último, o conselleiro reiterou a petición ao Ministerio de Xustiza para que cree un xulgado de violencia machista comarcalizado en Santiago, co obxectivo de mellorar a atención ás vítimas e a eficiencia xudicial nesta materia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta