Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/02/2025 | Actualizada ás 19:02
A Comisión de Igualdade do Servizo Galego de Saúde (Sergas) aprobou un novo protocolo de actuación fronte ao acoso sexual, acoso por razón de sexo, de orientación sexual, de identidade sexual, de expresión de xénero e características sexuais, así como de discriminación das persoas LGTBI.
Incluído no I Plan de igualdade entre homes e mulleres do Sergas, esta nova medida, tal e como detallou a Consellería de Sanidade nun comunicado, ten como obxectivo principal erradicar este tipo de condutas no conxunto dos centros sanitarios do Sergas e das súas entidades adscritas.
A rede sanitaria pública galega dótase así dun procedemento específico que permitirá actuar e garantir unha resposta integral e efectiva ante calquera comportamento ou conduta que supoña algún tipo de discriminación por razón de sexo.
Deste xeito, e tras valorar as alegacións das organizacións sindicais, a Xunta sinalou que se establece un procedemento centralizado para a xestión das queixas ou denuncias que puidesen producirse neste ámbito, configurando as normas de actuación ante calquera acto de natureza sexual non consentido ou que condicione o libre desenvolvemento da vida sexual, así como por discriminación LGTBI.
Tamén determinará se existe fundamento para iniciar un procedemento para a adopción de medidas disciplinarias ou doutro tipo que resulten oportunas, así como para dar traslado ao Ministerio Fiscal.
Para este fin, o Goberno galego indicou que se aplicarán medidas preventivas para a identificación de condutas que puidesen ser constitutivas deste tipo de acoso ou discriminación, así como medidas dinámicas e procedementos de actuación empregados de forma cautelar e correctivos para darlle saída ás queixas ou denuncias que se puidesen producir.
A Xunta e o Sergas establecen como prioritario o desenvolvemento dunha cultura na organización baseada no respecto á dignidade das persoas, na promoción da igualdade de trato e non discriminación, na creación dun contexto favorable e a cooperación. Ademais, lembra que todo o persoal da organización ten a obrigación de respectar os dereitos fundamentais e as liberdades do conxunto de persoal, absténdose de comportamentos que resulten contrarios á dignidade, intimidade e ao principio de igualdade e non discriminación, ademais de promover sempre condutas respectuosas.
Nesta liña, toda persoa do Sergas que sexa coñecedora dunha situación de acoso ou de discriminación por razón de sexo, poderá activar o novo protocolo, presentando unha queixa ou denuncia que, de forma confidencial e áxil, levará a xestión interna do caso para a súa erradicación e reparación de efectos.
O protocolo foi aprobado na Comisión Técnica de Igualdade do Sergas co voto favorable da Administración Pública e das organizacións sindicais CSIF, CCOO, UGT e SATSE.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.