Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 25/02/2025 | Actualizada ás 22:00
Nos últimos anos, a falta de medicamentos nas farmacias de Galicia tense convertido nun problema recorrente que afecta tanto aos pacientes como aos profesionais sanitarios. A escaseza de certos fármacos esenciais, dende antibióticos ata tratamentos para enfermidades crónicas, xerou preocupación no sector e obrigou a buscar alternativas, como a substitución por principios activos equivalentes ou a importación dende outros países. As causas deste desabastecemento son diversas e van dende problemas de produción e distribución ata decisións comerciais das farmacéuticas e cambios nos prezos marcados pola normativa. Ademais, a dependencia de mercados internacionais, especialmente de China e India, para a fabricación de principios activos, tamén fixo que calquera interrupción na cadea de subministro teña un impacto directo nas farcias galegas. Ante esta situación, os pacientes enfróntase practicamente a diario a esta carencia de tratamentos, moitos deles urxentes e imprescindibles para facer fronte ás súas doenzas. Galicia Confidencial fala hoxe con María José García, presidenta da Federación de Farmacias de Galicia (FEFGA) e propietaria dunha farmacia en Santiago de Compostela, que nos conta cales son os medicamentos sobre os que pesa un maior desabastecemento.
"A día de hoxe temos unha situación de desabastecemento de medicamentos moi grande en todas as farmacias galegas", advirte García, que apunta á combinación de varios factores que desembocaron en tan dramática situación. Por unha banda, asegura que "os prezos tan baixos que teñen os medicamentos a día de hoxe en España fan que aos laboratorios lles sea máis rendible exportar os seus fármacos a outros países da Unión Europea onde os prezos sexan máis elevados"; e, por outra, "todos os conflitos que está habendo a nivel xeopolítico, como cando se produciu o estourido da guerra de Ucraína, derivan nunha desestabilización e falta de principios activos para a fabricación de certos medicamentos". Así, no tocante ao prezo, foi en abril do ano 2012 cando se aprobou o Real Decreto-lei 16/2012 polo que o Ministerio de Sanidade obrigaba aos laboratorios de merca a reducir os prezos dos seus medicamentos e igualalos cos dos medicamentos xenéricos, facendo que para moitos deixase de saír rendible a fabricación. E no tocante aos conflitos, hai que ter en conta que a maioría dos principios activos proveñen de China e de India, que son os principais produtores mundiais de ingredientes farmacéuticos activos.
ALPRAZOLAM, APIRETHAL, AUGMENTIN, CORTAN POMADA, OTIX GOTAS, ROSUVASTATINA... "PARA O OZEMPIC TEMOS LISTA DE ESPERA DE 30 PERSOAS"
Cales son os medicamentos que faltan? A presidenta da Federación de Farmacias de Galicia asegura que son "moitísimos", tantos como para encher tres follas. Pero, entre os máis comúns, sinala como exemplos o Alprazolam --o Trankimazin pola súa marca comercial, empregado para tratar a ansiedade, o trastorno de pánico e mesmo o insomnio, actuando como sedante e ansiolítico--; a Apirethal --empregado para tratar a febre e a dor leve ou moderada en bebés e nenos--; o Augmentin --antibiótico empregado para tratar infeccións bacterianas--; a Cortan pomada --corticoide suave empregado para tratar afeccións inflamatorias da pel, aliviando o picor e a irritación--; Otix Gotas --empregado para tratar inflamacións de oído--; o Ozempic --utilizado no tratamento da diabetes tipo 2 e, máis recentemente, para a perda de peso en pacientes con obesidade ou sobrepeso--; a Rosuvastatina --empregada para tratar o colesterol--; o Salbutamol --o Ventolin pola súa marca comercial, necesario para os asmáticos--; o Synalar, tanto o nasal como o óptico --un para tratar a rinitis e outro para tratar inflamacións ou alerxias nos ollos--; e o Urbason --receitado para tratar a artrite reumatoide--; entre outros moitos.
"Hai xente que está verdadeiramente desesperada, porque se atopa en tratamento continuado con un destes medicamentos e vese obrigada a cesalo ou buscar alternativas e tampouco lle podemos dicir cando vai haber o seu fármaco habitual", lamenta García, que confesa que "dende a farmacia non lles podemos dar ningunha solución, por desgraza". Así, por citar un exemplo coa súa correspondente lista de espera, apunta que "para o Ozempic temos xa apuntadas a 30 persoas que están á espera do seu medicamento, e trátase de xente diabética que ten que tratarse si ou si, non é unha opción". E aínda que hai medicamentos que afortunadamente son substituíbles por outros, "non acontece isto en todos os casos". Que se fai entón? A farmacéutica apunta a que "fai uns anos dende a farmacia aínda se lle podía ofrecer ao paciente cambiar a forma farmacéutica, é dicir, pasar de sobres a cápsulas ou a comprimidos, por exemplo", pero isto xa non está permitido. "E como especialistas en medicamento que somos os farmacéuticos, o lóxico sería que se che chega un paciente coa receita dun tratamento en sobres e non dispós de sobres, poidas darllo en comprimidos, porque o principio activo é exactamente o mesmo, só que noutra forma farmacéutica", reivindica.
"HAI XENTE QUE QUEDA SEN MEDICACIÓN PORQUE NON TODOS OS FÁRMACOS TEÑEN SUBSTITUCIÓN NIN EQUIVALENTE NOUTRA FORMA FARMACÉUTICA"
Así as cousas, na actualidade, cando isto acontece e non hai o medicamento prescrito polo doutor na farmacia, o paciente vese obrigado a volver ao seu médico de cabeceira para atopar unha solución, coa perda de tempo que isto conleva e o retraso consecuente á hora de obter á súa medicación. Ademais, como explica García, "non todos os fármacos teñen substitución nin teñen o seu equivalente noutra forma farmacéutica", de maneira que "hai pacientes que ante a falta de subministros quedan sen medicación, directamente". Se ben é certo que "nestes casos os médicos adoitan receitarlles outros medicamentos que lles axuden a tratar a mesma doenza de maneira semellante ao receitado nun comezo, xa non é o mesma, porque non hai dous medicamentos iguais".
Ao preguntarlle dende cando se vén experimentando esta escaseza, asegura que non é algo recente, senón que "xa levamos anos así, con este problema". De feito, apunta a que "mesmo antes da guerra de Ucraína xa tiñamos falta de medicamentos, porque na pandemia xa comezaron a faltar cousas porque pola covid había certos principios activos que non chegaban aos laboratorios". Con todo, asegura que, "despois de que entrasen en vigor as normativas para que o prezo dos medicamentos de marca se rebaixase ata quedar obrigatoriamente fixado en cifras próximas ao dos medicamentos xenéricos --ano 2012--, a cousa empeorou moito". E é algo que ela, como farmacéutica, entende, pois "ás veces eu mesma me pregunto como pode un laboratorio, por un euro e pouco, facer un packaging, un prospecto, o blister --termoplástico para garantir a preservación do produto-- e o medicamento en si". Consultando os prezos dos medicamentos citados anteriormente que a día de hoxe non hai na maioría das farmacias galegas, detalla que "os prezos son de 1,05; 1,59; 1,90; 3,75 o máis caro...".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.