Cruzamento de acusacións entre Deputación e Concello de Pontevedra pola tramitación da licenza do convento de Santa Clara

O vicepresidente da institución provincial, Rafa Domínguez, culpou ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, do atraso que acumula o proxecto de rehabilitación; mentres que desde o goberno local, o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, asegura que o político popular está "desnortado".

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 03/03/2025 | Actualizada ás 16:12

Comparte esta noticia

A tramitación da licenza do Convento de Santa Clara motivou este luns un cruzamento de acusacións entre a Deputación e o Concello de Pontevedra tendo en conta que o vicepresidente da institución provincial, Rafa Domínguez, culpou ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, do atraso que acumula o proxecto de rehabilitación; mentres que desde o goberno local, o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, asegura que o político popular está "desnortado" pola súa "incapacidade" para tramitar esta actuación.

"Están a porse trabas administrativas desde o Concello de Pontevedra", dixo Rafa Domínguez nada máis iniciar a súa rolda de prensa este luns. Na súa valoración política, o vicepresidente da Deputación recoñeceu que o de Santa Clara é un proxecto "sumamente complexo, con moitísimas arestas, e que sabiamos que ía ser complicado e un desafío para todos". A isto, sumou que o alcalde utiliza este proxecto de rehabilitación como "arma política" e indicou que desde que o Partido Popular asumiu o goberno provincial "na Deputación, todos tivemos o convencemento de que Lores faría todo o posible por atrasalo, e onde podía facelo? Só pode atrasalo nun punto, na licenza".

"A Lores dálle igual atrasar o proxecto con tal de favorecer os seus intereses partidistas e particulares", asegurou Rafa Domínguez. O motivo, segundo engadiu é que "Lores non pode soportar que o seu rival político, o que lle gañou nas urnas, queira capitalizar o proxecto que iniciou". O vicepresidente da Deputación indicou que o alcalde "non soporta" que el teña "enriba da mesa" proxectos por máis de 40 millóns de euros na cidade de Pontevedra (23 millóns de Santa Clara, 12 dos edificios centrais do Museo, 1,3 millóns da Bienal e 7,5 millóns nos convenios entre ambas as administracións).

Convento de Santa Clara en Pontevedra
Convento de Santa Clara en Pontevedra | Fonte: Zarateman - Wikimedia - Arquivo

"Lores non soporta que eu queira capitalizar este proxecto e equivócase", insistiu antes de pedir ao goberno local de Pontevedra que deixe Santa Clara "á marxe da batalla política" e que colabore. Rafa Domínguez explicou que a Deputación ten en fase de contratación o proxecto arqueolóxico para o antigo cenobio das clarisas, cun orzamento de 350.000 euros, polo que ten que ir a unha contratación aberta. "Eu espero que en xuño teñamos o proxecto arqueolóxico, o proxecto definitivo, e que xa nos poidan dar a licenza", apuntou. Este proxecto é imprescindible para obter a licenza definitiva e poder empezar as obras, pero na Deputación entenden que o Concello pode outorgar unha licenza provisional co proxecto básico deseñado polo estudo de arquitectura Nieto-Sobejano e que isto lles permitiría acelerar algúns trámites administrativos como a licitación e contratación.

Segundo Rafa Domínguez, "acordouse que co proxecto básico ía ser suficiente" por iso denuncia que agora "hai un cambio de opinión". Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas do Concello de Pontevedra e ex vicepresidente da Deputación, César Mosquera, saíu ao paso destas declaracións do Rafa Domínguez asegurando que ve ao actual vicepresidente "desnortado". Mosquera lembrou que ofreceu "toda a colaboración" a Rafa Domínguez "absolutamente consciente de que era un tema bastante complicado" con todo o político popular rexeitouna "e meteuse nun patatal". "Creo que foi un erro", lamentou Mosquera Segundo César Mosquera, "como estas tramitacións son dunha complexidade que non é quen de afrontar entón dispara contra todo o mundo. Está fóra de si, vista a súa incapacidade para tramitar isto".

"A historia da leada perpetua, continua", comentou o ex vicepresidente da Deputación lembrando que Rafa Domínguez "se enfrontou" con Nieto-Sobejano, o equipo redactor do proxecto de rehabilitación de Santa Clara, "o que provocou seis meses de atraso"; coas monxas cando as acusou do espolio patrimonial; coa Consellería de Cultura "por emitir o informe favorable para que levasen o retablo" e con Patrimonio "que pon como condición que se fagan unhas escavacións arqueolóxicas antes da licenza e iso está sen facer". "E tamén se enfronta co Concello que está a adiantar os trámites para axilizar o que o señor Domínguez non é capaz de axilizar", engadiu Mosquera.

Segundo o edil nacionalista, esta licenza "xa está informada", algo que "non é habitual" ata que non estea en regra toda a documentación "como o resultado das escavacións arqueolóxicas". Mosquera explicou que os técnicos municipais comprometéronse a dar licenza a Santa Clara co proxecto básico pero sempre que contase coas autorizacións sectoriais, tal e como manda a normativa. Neste caso falta a escavación de arqueoloxía definitiva que solicita a Consellería de Cultura, "por tanto non podemos dala", asegurou o concelleiro de Infraestruturas. "Ninguén pode negar que quen tivo máis interese, quen fixo e impulsou máis o de Santa Clara, foi o Concello, este grupo político en particular", recalcou Mosquera convencido de que o portavoz local do PP "perdeu o oremus".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta