Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 08/03/2025 | Actualizada ás 13:06
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor nas últimas horas o papel da comunidade galega na diáspora, como "embaixadora de Galicia para as futuras xeracións", durante o acto de entrega de diplomas aos participantes no programa Reencontros con Galicia, en Buenos Aires (Arxentina). Durante o acto, o presidente galego, acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, subliñou que Galicia é un referente no retorno e integración de emigrantes, e remarcou que a estratexia Galicia Retorna non é só unha política de retorno, senón tamén de "recoñecemento", e "unha retribución a quen nunca deixou de sentirse galego a pesar de estar lonxe das súas orixes".
Dentro desta estratexia, o programa Reencontros con Galicia ten como finalidade facilitar que os cidadáns maiores de 65 anos residentes no territorio americano poidan reencontrarse coas súas raíces galegas e coñecer os enclaves máis emblemáticos da Comunidade. Nesta edición participaron 200 persoas, das que 85 eran de Arxentina. O presidente da Xunta agradeceu aos participantes e ás entidades a súa colaboración, e lembroulles que "Galicia sempre será a súa terra", facendo fincapé nas "oportunidades e apoios" que ofrece a Comunidade para aqueles que desexan retornar.
Tras este acto, Alfonso Rueda acudiu ao Clube Español de Buenos Aires, para participar na entrega dos certificados da iniciativa Conecta con Galicia, e as Compostelas aos beneficiarios do programa Conecta co Camiño. Rueda aproveitou para lembrar que o Camiño de Santiago é unha vía de intercambio cultural, de crecemento persoal e de proxección internacional de Galicia. Grazas a este programa, 60 mozos puideron coñecer a experiencia da peregrinaxe a Santiago.
O titular do Executivo galego tamén sinalou que este programa, ademais de fortalecer a identidade de Galicia, abre as portas "a novas oportunidades de desenvolvemento" e animou a seguir traballando para que o Camiño "continúe sendo o lazo que une a Galicia co resto do mundo". Alfonso Rueda animou aos participants nestes dous programas da Xunta a que se sigan sentindo "orgullosos de ser arxentinos e galegos, que é unha combinación gañadora", e a que proxecten no mundo a imaxe de "un universo galego que está en todas partes e é imparable".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.