Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2025 | Actualizada ás 14:44
As zonas nas que poderán establecerse novos vertedoiros de residuos quedarán delimitadas a partir de 2026 para afastalos de núcleos habitados, evitar filtracións a acuíferos e blindar o patrimonio cultural. O Consello da Xunta aprobou na súa reunión semanal deste luns o inicio deste plan que, segundo manifestou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, converterá a Galicia na "primeira comunidade" en facelo. O Goberno autonómico desenvolverá esta medida a través dun plan específico que dividirá o territorio por zonas.
O obxectivo é "fomentar a distribución equitativa dos vertedoiros por toda a xeografía e evitar a súa concentración nunha determinada zona". Segundo traslada a Xunta en nota de prensa, con esta distribución "lóxica e racional", o Executivo pretende "reducir a pegada de carbono derivada do transporte dos residuos e autorizar só aqueles que sexan xustos e precisos para cubrir as necesidades futuras de depósito". Ademais, con esta futura norma preténdese garantir que "os novos vertedoiros causan o mínimo impacto ambiental, paisaxístico ou mesmo para a saúde". O inicio do desenvolvemento deste plan será no mes de marzo e alongarase 13 meses, polo que a versión definitiva do mesmo tería que estar lista para a primavera do ano 2026.
METODOLOXÍA, CRITERIOS E OBXECTIVO
A elaboración da planificación farase, por unha banda, aplicando unha metodoloxía baseada en sistemas de información xeográfica (SIG) e, por outro, incorporando unha análise multifactorial. Deste xeito, este futuro plan delimitará as citadas zonas en base a unha serie de criterios, como a proximidade a áreas residenciais ou industriais, a existencia de augas subterráneas ou reservas naturais próximas ou a protección do patrimonio cultural. A Xunta prevé terminar o plan para a instalación de novos vertedoiros en 2026.
Destinaranse un total de 42.000 euros para a elaboración do mesmo. "A produción de residuos non perigosos aumentou case un 70 % nunha década, o que fai que algúns dos vertedoiros actuais estean case ao máximo da súa capacidade e que haxa que aumentar o seu número no futuro", dixo Calvo. Este incremento, segundo sitúa o Executivo, sitúase entre a xeración dun volume global de 1,9 millóns de toneladas de residuos en 2013 a 3,2 millóns en 2022.
O proxecto realizarase en tres fases. A primeira, definirá a metodoloxía de traballo e o inventario de condicionantes e en realizar un diagnóstico da situación actual dos vertedoiros. Despois, realizarase un borrador de plan e, finalmente, redactarase a súa versión definitiva. A Xunta fai fincapé en que este plan está "plenamente comprometido" cos obxectivos europeos en canto á prevención, reutilización e reciclaxe de residuos, á vez que cre necesaria a eliminación dunha parte destes mediante o seu depósito en vertedoiros controlados. Ademais, o organismo lembra que o obxectivo a nivel europeo é alcanzar a "vertedura técnica 0, é dicir reducir ata o 10 por cento os residuos que teñen como destino final este tipo de instalacións porque non se poden reutilizar, reciclar ou valorizar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.