Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2025 | Actualizada ás 15:12
O inverno climatolóxico 2024-2025 (decembro, xaneiro e febreiro) en Galicia foi o sétimo máis cálido da serie histórica --que se remonta a 1961-- ao rexistrarse unha temperatura media de 9,8 graos, que supón 1,3 máis dos valores habituais nesta época do ano. Segundo o avance do balance desta estación que elabora Meteogalicia, esta situación debeuse a que os tres meses deste período rexistraron valores medios superiores aos datos normais.
Así, a media da temperatura mínima foi 1,8 graos superior ao habitual e no caso da máxima, o rexistro superou en 0,9 graos os valores normais. Decembro foi cálido, cunha temperatura media de 9,5 graos --0,8 máis do habitual-- e febreiro considérase "moi cálido" ao rexistrar unha media de 10,2 graos, que supera en 1,5 os datos normais. En canto a xaneiro, foi "extremadamente cálido", con 9,8 graos de temperatura media e unha anomalía de 1,8 graos superior ao normal. De feito, segundo destaca a Xunta, foi o terceiro xaneiro máis cálido da serie histórica.
CHOIVAS
No que se refire ás precipitacións, este pasado inverno pódese cualificar como "lixeiramente húmido" ao rexistrar unha media de 521 litros por metro cadrado, o que representa unha porcentaxe de choivas un 17 % superior ao que é habitual neste período do ano. En decembro a precipitación media foi de 78 litros por metro cadrado, o que supón un 60 % menos do habitual, polo que se considera un mes "moi seco".
Polo contrario, xaneiro foi "extremadamente húmerdo". Foron rexistrados 324 litros por metro cadrado de precipitación media, un 125 % máis do normal. Estes datos convérteno no cuarto xaneiro máis húmido da serie histórica. Febreiro, cunha precipitación media de 118 litros por metro cadrado --un 2 % superior ao habitual--, foi un mes normal en canto a choivas rexistradas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.