Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2025 | Actualizada ás 15:01
A Xunta manifestou a súa condena a unha concentración en protesta contra o proxecto de Altri que tivo lugar fronte á casa da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que o Executivo galego vincula ao BNG, ao que acusa de pilotar unha campaña de "coaccións" contra funcionarios e membros do Goberno autonómico. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deporte, Diego Calvo, iniciou a rolda de prensa posterior ao Consello deste luns (no que substituíu ao presidente galego, Alfonso Rueda, pola súa viaxe institucional en Latinoamérica) cunha mensaxe de "solidariedade" a Vázquez.
Segundo manifestou, o pasado domingo produciuse unha concentración ante a vivenda da conselleira, onde convive con "menores", co ánimo de "amedrentar e coaccionar" á responasble de Medio Ambiente en relación á tramitación do proxecto de Altri na comarca da Ulloa. Calvo asociou estes feitos ao BNG e "os seus satélites" que, nas súas palabras, poñen en práctica "ao pé da letra" o "manifesto" da UPG que chama á "presión social organizada, a mobilización popular e alimentar a contestación social".
"Onte (domingo) unha compañeira do Consello tivo que soportar enfronte da súa casa particular unha concentración onde convive con menores e persoas maiores tratando de amedrentar e coaccionar as decisións da Xunta", aseverou o conselleiro. "Xa non se trata só de condicionar ou amedrentar aos funcionarios, como vimos nos últimos meses, senón que agora trátase de coaccionar e amedrentar aos membros do Consello da Xunta", engadiu, antes de incidir en que seguirán "defendendo a legalidade en todo tipo de actuacións, sobre todo, nos expedientes que quedan pendentes".
Cuestionado sobre se o Goberno galego se plantexa presentar unha denuncia ou dar un paso ante estes feitos, Calvo avanzou que se fará no caso de que "sexa necesaria". "O que facemos hoxe (este luns) é solidarizarnos, dicir que non todo vale", apostilou. Así, apuntou que se analizarán "o contido das fotografías" da concentación ante a vivenda da conselleira, nas que, segundo Calvo, identificouse a un exconcelleiro do BNG no Concello de Melide.
O BNG AMOSA O SEU APOIO Á CONSELLEIRA E ACUSA AO PP DE MONTAR UN BULO
Ante estas acusacións, o BNG mostrou a súa condena a "calquera tipo de intimidación ou ameaza" a cargos públicos e a súa contorna persoal, polo que traslada o seu apoio á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, tras a concentración que a Xunta vinculou a militantes da organización frontista, o que estes últimos cualifican de "bulo". Despois de que Calvo vinculase esta acción á organización frontista, o BNG emitiu un comunicado no que mostra o seu apoio á conselleira "se nalgún momento se sentiu ameazada ou intimidada", á vez que condena "calquera tipo de intimidación ou ameaza que se poida exercer sobre un cargo público ou sobre a súa contorna persoal".
"O que non é de recibo é que o Partido Popular tente unha vez máis montar un bulo contra o BNG e, aínda por enriba, utilizando a institución da Presidencia (da Xunta) coma se fose a sede do PP", aseverou a organización nacionalista, que acusa ao PP de actuar como unha forza "cada vez máis ultra" que incorre en "bulos, mentiras e infamias" para atacalos. Para o Bloque, o PP "tenta traer a Galicia a crispación e o xogo sucio da política madrileña" e insta ao Goberno autonómico a "non caer na tentación de criminalizar á cidadanía, movementos sociais e plataformas que se mobilizan" contra as súas decisións.
Neste sentido, remarca que estes colectivos, "por exemplo" as plataformas e entidades que se opoñen ao proxecto de Altri, "teñen todo o dereito a discrepar e a manifestar esa discrepancia mobilizándose e manifestándose". "Chámase democracia, e en democracia, manifestarse en contra das políticas do goberno por considerar que son inxustas ou lesivas para a maioría é un dereito da cidadanía", conclúe.
PROTESTA EN MELIDE
Precisamente un dos participantes na protesta denunciada pola Xunta ante a casa de Ángeles Vázquez publicou unha mensaxe en redes sociais na que explica que a pancarta que incluía unha apelación directa á conselleira "non pretendía ser, nin moito menos, unha ameaza, senón unha alusión á saúde das familias" da zona de influencia do proxecto. Así o afirma Ramón Laia nun texto colgado na súa conta de Facebook, onde se desvincula do BNG --"non son militante desde hai case unha década"-- e no que expón que a concentración ante a casa da conselleira se deu no marco da mobilización organizada con motivo dunha carreira popular celebrada na mañá do domingo en Melide.
Sostén que os participantes na protesta situáronse "tanto no percorrido como no punto de meta" co ánimo de alertar do impacto nocivo que, cren, tería o proxecto da multinacional portuguesa para as familias da contorna, "incluíndo a da propia conselleira". "Sendo nosa veciña e tendo o cargo público que ostenta sentimos que o noso deber é advertirlle que ten responsabilidade á hora de autorizar o propio proxecto. De feito, de chegar a autorizarse sería unha das principais responables políticas deste desastre", engadiu Ramón Laia, que censura que o PP cinga ao BNG "todo movemento contra Altri".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.