As farmacias galegas non poderán facer publicidade de medicamentos nin pagar a 'influencers' para promocionarse

O novo decreto aprobado no Consello da Xunta establecerá que a cruz luminosa das farmacias só poderán estar acesa durante o horario de apertura e de garda.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2025 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

O Goberno galego aprobou un novo decreto que prohibe ás farmacias facer publicidade de medicamentos e produtos sanitarios a través de páxinas web e redes sociais. Tampouco poderán contratar 'influencers' nin persoas coñecidas para promocionarse. Así o anunciou tras a reunión do Consello da Xunta deste luns o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. Compareceu en substitución do presidente, Alfonso Rueda, quen está nunha viaxe institucional en Latinoamérica. Segundo explicou Calvo, a nova regulación limitará "calquera tipo de comunicación ou publicidade" que "fomente o uso" de medicamentos e produtos sanitarios, para evitar "un prexuízo á saúde ou a seguridade da cidadanía".

Recursos de farmacias no centro de Madrid
Recursos de farmacias no centro de Madrid | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Trátase dun decreto de oito artigos que substitúe a un texto do ano 2008 para adaptalo "á nova realidade social, sobre todo no ámbito dixital". Haberá un prazo de seis meses para que os establecementos se adapten á nova normativa. Con ela, as oficinas de farmacia só poderán publicitarse a través de envoltorios, bolsas ou papel empregado para envolver os produtos, así como a través de Internet e mensaxería pero a condición de que "unicamente" inclúan os seus datos xerais de identificación, dirección, teléfono, horarios e calendario de gardas, entre outros. Tamén estará permitido promocionar outras actividades sanitarias e servizos autorizados pola Administración que se realicen no establecemento, pero en ningún caso sobre fármacos.

Ademais, non poderán empregar as súas webs nin redes sociais para enlazar ferramentas de autodiagnóstico ou automedicación. Si poderán achegar información xeral sobre o "uso racional de medicamentos" que promovan as institucións e os colexios de farmacias, enviar boletíns informativos e expedir cartóns de fidelización e ferramentas semellantes, pero sempre que non estean referidas a medicamentos nin a produtos sanitarios, o cal debe constar expresamente. Igualmente, as farmacias só terán permitido ofrecer incentivos, agasallos, premios, obsequios e descontos que estean recollidos na regulación. Así mesmo, o decreto aprobado este luns renova as directrices para a identificación das farmacias e boticas anexas. Neste sentido, sempre estarán sinalizadas a través dunha cruz grega ou de malta de cor verde, que permanecerá acendida só durante o seu horario de apertura e de garda.

LOCALIZACIÓN DE DOANTES DE MEDULA ÓSEA

Por outra banda, o Consello aprobou renovar o convenio entre a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e a Fundación Josep Carreras para que os pacientes galegos poidan localizar en calquera país do mundo doantes de medula ósea cos que sexan compatibles. A Xunta destinará a esta iniciativa 885.000 euros. O posible doante buscarase primeiro en España e, se fose necesario, acudirase a rexistros internacionais. Ao longo de 2024, o Sergas realizou 213 transplantes de medula ósea. De todos eles, a maioría (160) eran autotrasplantes, mentres que houbo outros 24 nos que se empregaron doantes que eran parentes, máis outros 29 que non o eran e que foron atopados a través deste convenio.

CONTROL AEROBIOLÓXICO

Ademais, o Goberno galego autorizou a firma dun convenio entre a Consellería de Sanidade e a Universidade de Vigo (UVigo), cunha achega de 174.240 euros das arcas autonómicas, para o control aerobiolóxico de Galicia. Con esta colaboración, que agora se renova, a UVigo comprométese a recoller semanalmente mostras aerobiolóxicas en catro estacións localizadas na cidade olívica, Santiago, Lugo e Ourense, co obxectivo de coñecer a distribución do pole e esporas na atmosfera, así como a dinámica das súas partículas. Esta información deberá ser remitida tanto á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade como á Rede Española de Aerobioloxía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta