O alcalde do PP de Ferrol recoñece a Amador e Daniel, asasinados en Ferrol por participar nunha protesta en 1972

Fíxoo nun acto institucional e unha xornada reivindicativa sindical no 'Día da Clase Obreira Galega'. Novamente división entre as centrais sindicais á hora de celebrar este día sinalado.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 10/03/2025 | Actualizada ás 17:18

Comparte esta noticia

O Concello de Ferrol lembrou un ano máis, cun acto institucional desenvolvido na mañá deste luns, a Amador Rei e Daniel Niebla, dous extraballadores da antiga Bazán, hoxe Navantia, que faleceron o 10 de marzo de 1972 cando participaban nunha manifestación dos operarios do estaleiro e foron abatidos a tiros por axentes policiais.

Para lembralos concentráronse desde as 11,00 horas na zona onde se produciu a acción luctuosa, no barrio de Recimil, onde está situado o monumento ao 10 de marzo, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela (PP), conxuntamente con edís do seu goberno e do resto de grupos na oposición, ademais de representantes dos sindicatos CCOO, UGT e MAS, realizando unha ofrenda floral ante o monólito que lembra os acontecementos da década do setenta.

Precisamente o rexedor popular foi o encargado de dar lectura a un manifesto, onde lembrou que a corporación municipal de Ferrol conmemora de maneira institucional o 'Día da Clase Obreira Galega' nesta data, que se acordou de maneira unánime polo Parlamento de Galicia no ano 1997.

DEMOCRACIA

"A ofrenda floral de hoxe facémola en memoria de Amador e Daniel, e tamén en recordo e recoñecemento de todos aqueles que onte, hoxe e mañá esfórzanse e traballan con honestidade para conseguir unha sociedade mellor", asegurou o rexedor popular, ao mesmo tempo que incidiu en que "hoxe debe de ser unha xornada de gratitude para todos aqueles que fixeron a súa achega para dotarnos dunha democracia baseada na liberdade e no dereito".

Por último, José Manuel Rey Varela tamén incidiu na súa alocución que se está tratando de lograr "unha cidade máis próspera, unha cidade con máis postos de traballo e con empregos de calidade", para desta maneira "mostrar unha vez máis o compromiso na consecución de máis oportunidades para xuntos facer un Ferrol máis grande".

CONCENTRACIÓN DA CIG

Minutos máis tarde, desde as 12,00 horas, concentráronse neste lugar integrantes do sindicato CIG, co seu secretario xeral á fronte, Paulo Carril, ao que acompañaron o secretario comarcal de Ferrol, Manel Grandal, ademais de integrantes da súa executiva e federacións, ademais delegados, afiliados e simpatizantes.

Neste escenario, Carril detallou que "a precariedade, a desigualdade e a pobreza laboral están incrustadas no conxunto da clase traballadora galega" e que neste contexto "manifestámonos no día de hoxe, dentro da campaña que temos en marcha", que contempla doce medidas. "Este autodenominado Goberno máis progresista da historia", en alusión ao que preside Pedro Sánchez, "non son nin máis nin menos que medidas de recorte puro e duro",criticou.

Acto de recordo a Amador Rei e Daniel Niebla en Ferrol, no Día da Clase Obreira Traballadora
Acto de recordo a Amador Rei e Daniel Niebla en Ferrol, no Día da Clase Obreira Traballadora | Fonte: Europa Press

MANIFESTACIÓNS

Posteriormente, ás 12,00 horas, partiu unha manifestación convocada por CCOO desde a entrada de Navantia Ferrol e que finalizou ante o monumento ao 10 de marzo. De cara á tarde, ás 20,00 horas, tamén partirá unha mobilización convocada por CIG, desde o seu local comarcal, na avenida de Esteiro, e que trascurrirá en dirección á praza da Constitución.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta