Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2025 | Actualizada ás 13:13
A entrada en vigor do novo regulamento de estranxeiría, que introduce cambios para os solicitantes de asilo en España, deixará a 12.000 persoas en situación irregular en Galicia, segundo advertiu Foro Galego de Inmigración e Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas.
Estas entidades xunto a Acampa, SOS Racismo e a Asociación Mobilidade Humana manifestaron a súa preocupación polo novo regulamento nun encontro mantido o pasado luns coa subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.
Denuncian que o cambio deixa nunha "situación inaceptable" ás persoas solicitantes de asilo, que cifran en 275.000 en todo o Estado, das cales, 12.000 residen na Comunidade galega, como recolle un comunicado remitido aos medios este martes.
E é que o novo regulamento que entrará en vigor o próximo 20 de maio deixará en situación irregular a estas persoas que están pendentes de que se resolva a súa petición de asilo en España.
Unha situación que, como resalta Foro Galego e Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, estenderase "como mínimo" por un tempo de seis meses ata que poidan acceder aos novos tipos de arraigamento que introduce a normativa.
Tras incidir en que os solicitantes de asilo con peticións pendentes atópanse así pola tardanza da adminitración en resolver as súas solicitudes, as entidades de apoio ás persoas migrantes e refuxiadas subliñan que "moitos" deles "están neste momento con autorización de traballo e plenamente incorporadas ao mundo laboral".
O problema, como engaden, é que a nova normativa refuga o tempo transcorrido polo solicitante en España baixo o status de demandante de asilo, que deixará de computar para acreditar arraigamento no país.
Desta forma, cren que a nova normativa "condena" a dous anos en situación irregular administrativa aos solicitantes antes de poder acceder aos arraigamentos, período no que se verán obrigados "a sobrevivir na economía sumergia e a explotación laboral", xa que deixarán de ter permiso de residencia e traballo.
Foro e Rede Galega engaden que a excepción considerada no texto normativo para as persoas que, cunha resolución negativa, presentasen un recurso só abarca a "unha mínima parte das afectadas".
Todo iso foi trasladado á subdelegada do Goberno que, segundo os colectivos, ofreceu unha resposta "claramente insatisfactoria, sen compromiso algún pola súa banda e limitándose a certificar que esta situación vai ser así de dura e difícil".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.