Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2025 | Actualizada ás 13:44
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, esixiu retirar a "mal chamada" condonación da débeda que expón o Goberno central, que é, ao seu xuízo, unha especie de "financiamento fake", porque non supón "nin un euro" máis de capacidade de gasto para a comunidade autónoma de Galicia. Así se pronunciou nunha comparecencia no pleno do Parlamento, onde falou do "antes e o despois" que ve no último consello de política fiscal e financeira (CPFF) e reiterou a reclamación dunha revisión do sistema de financiamento autonómico --Facenda calcula que a comunidade está "infrafinanciada" en polo menos uns 500 millóns polos sobrecustos da dispersión poboacional e o envellecemento-- e a actualización das entregas a conta.
Na súa intervención, Corgos concluíu que a proposta de condonación é un "primeiro paso" do Executivo e o "segundo", segundo augurou, será o "financiamento singular" para Cataluña. Neste "sainete", como o cualificou, "os independentistas son os únicos que non amenten". Pola súa banda, Galicia reivindica a "alianza" con outras comunidades posto que non quere "que haxa gañadores e perdedores" e demanda unha negociación "multilateral" en que "todos" poidan "ceder un pouco", en palabras do conselleiro. Só así, argumentou, "conseguirase un financiamento suficiente".
Por iso, reclamou ao Ministerio de Facenda "un cambio de rumbo" e "investir a orde dos asuntos a tratar" no CPFF, de modo que o "primeiro" sexa revisar o modelo de financiamento e "despois estudar alternativas para dar solución ás comunidades autónomas máis endebedadas". Para isto último, advirte de que a "asunción de débeda" (o que a Xunta considera unha "redistribución" ou "mutualización" da mesma) non é a "única solución", e apunta que existen outros "mecanimos de reestruturación". Neste sentido, expresou o seu interese por "contar cun acordo de todos os grupos" con representación na Cámara galega, "para reclamar" a "prioridade" para Galicia.
"PORTAVOZ DE XÉNOVA"
Fronte a este chamamento á unidade, o titular de Facenda recibiu a crítica unánime da oposición por exercer como "portavoz do PP" e "portavoz de Xénova" ao termo do último consello de política fiscal e financeira. A súa "estampida" --as comunidades gobernadas polos populares abandonaron a reunión-- foi "penosa" para a socialista Patricia Iglesias, quen instou a Corgos a "porse o gorro de conselleiro" e quitarse o de "portavoz do PP". "Se non rectifican (...) se se negan a aceptar, será o primeiro gran erro histórico do Goberno de Rueda", avisou a deputada do PSOE galego.
Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntou ao conselleiro en varias ocasións --sen obter resposta-- que fará a Xunta cando Andalucía, Valencia e Murcia saian "disparadas" a pedir a condonación. "A impresión que teño é que xa están a preparar un novo argumentario para xustificar esa decisión", destacou a líder nacionalista, para quen o PP galego "só acerta cando rectifica". Así, Pontón lamentou a "papeleta" do responsable das contas públicas galegas ao defender agora "o inexplicable", que é "que a Xunta queira renunciar a unha condonación do 33 % da súa débeda", o cal se materializaría nunha quita de 4.010 millóns de euros.
"Habería que ver quen fai a papeleta: se vostede asinando ou eu levantándome da cadeira cando non podía aceptar as condicións", replicou Miguel Corgos, para quen a ministra de Facenda, María Jesús Montero, "enganou" ao Bloque. "Ese gran acordo é o peor acordo posible para Galicia", proseguiu. Neste sentido, o conselleiro resaltou que a débeda "se debe medir en relación ao PIB ou por habitantes", e asegura que "por habitante axustado o peor nivel correspóndelle" á comunidade galega na proposta que expón Facenda. "Iso é o que pactou vostede, señora Pontón (....) o acordo do que está tan orgullosa", apostilou. E foi máis aló ao espetarlle que "vostede negociou fatal". "Non tenten enganar dicindo que teriamos máis recursos. Unicamente teriamos máis solvencia ao ter menos débeda. E temos solvencia suficiente, somos a cuarta comunidade máis solvente", apuntou Corgos.
A este respecto, tanto Pontón como Iglesias subliñaron que a quita de 4.010 millóns da débeda autonómica tería como consecuencia o aforro anual duns 40 millóns de euros no pago dos intereses, contía que Facenda insiste en que "non computa no incremento de gasto", polo que non podería destinarse a sanidade ou educación, por exemplo, senón só a amortizar débeda. Nesta idea fixo fincapé o portavoz do PP, Alberto Pazos Couñago, quen afeou á oposición que "infantiliza o debate" e acusoulles de ser "cómplices" e "colaboradores necesarios" no que considera un "timo". Tamén cualificou a operación de "chantaxe política" porque, na súa opinión, a condonación da débeda e logo "o concerto" é o "prezo que o soberanismo catalán esixe a Pedro Sánchez a cambio de que permaneza un pouco máis en Moncloa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.