Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2025 | Actualizada ás 17:00
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a resolución pola que se notifican as denegacións da subvención do programa de axuda ao aluguer de vivenda en Galicia da convocatoria para o ano 2024: 12.258 dun total de 16.740 peticións foron rexeitadas, isto é, o 73,23% do total.
Segundo fontes da Consellería de Vivenda consultadas por Europa Press, en total foron concedidas 4.482 destas axudas (o 26,77%, menos de tres de cada 10 das solicitudes presentadas), ata o esgotamento do crédito, tal e como establecían as bases reguladoras do programa. O importe da convocatoria do ano pasado --do que se notifican as denegacións máis de 12 meses despois do prazo para pedir as subvencións-- ascendía a 10 millóns de euros, deles 5 millóns de fondos da Xunta e outros 5 do Goberno central, correspondentes ao plan de vivenda.
As fontes de Vivenda precisan que se trataba dunha axuda do plan de vivenda de carácter bianual por importe de 10 millóns: a Xunta achegou outros 10 de fondos propios. Segundo recolle a resolución publicada este martes, o responsable do IGVS (Instituto Galego de Vivenda e Solo) ditou as resolucións polas que se denega a subvención deste programa a todas aquelas solicitudes presentadas ou emendadas con posterioridade á data de esgotamento do crédito orzado para esta convocatoria, así como a aquelas outras presentadas coa documentación necesaria incompleta, o que supón a non dispoñibilidade de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.
PREZOS FEBREIRO
Precisamente o Observatorio da Vivenda de Galicia, que publica os datos do aluguer mes a mes, indica que en febreiro a contía media alcanzou os 563 euros para Galicia e os 636 euros nas grandes cidades. En concreto, a media do prezo do aluguer dunha vivenda supera os 700 euros na Coruña (703,2 euros) e supera os 600 en Vigo, Pontevedra e Santiago (661,2 euros, 636,4 euros e 612,8 euros, respectivamente).Excede os 500 euros de media xa o que hai que abonar polo aluguer en todas as grandes cidades: 569,4 euros en Lugo, 531 euros en Ourense e 502,7 euros en Ferrol.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.