Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 25/03/2025 | Actualizada ás 22:00
Durante séculos, o mar foi aliado e sustento de Galicia. Del chegaron o alimento, o traballo e boa parte da identidade deste recuncho do atlántico que é a nosa terra. Pero hoxe, esa mesma forza que esculpiu os nosos cantís, modelou enseadas e arrolou xeracións, comeza a amosarse como unha ameaza. A liña que separa a terra da auga estase desdebuxando. O mar avanza, pouco a pouco, coa constancia de quen non ten présa, pero si memoria. Faino empurrado polo cambio climático, polo aumento do nivel do mar, pola virulencia crecente de temporais e mareas vivas. As praias encóllense, os camiños costeiros agrétanse e os muros que antes contiñan a auga amósanse fráxiles fronte a unha natureza que reclama o seu espazo. En lugares como A Illa de Arousa, O Grove, Sanxenxo ou a Costa da Morte, os veciños xa non falan dun futuro hipotético, senón dun presente en retirada. Ás veces é unha praia que xa non volve tras o inverno. Outras, unha casa que debe ser abandonada. E sempre, a sensación de estar asistindo a un cambio fondo e silencioso que afecta tanto á paisaxe como a quen a habita. Galicia Confidencial fai un percorrido, da man do estudo 'Vulnerabilidade das costas de Galicia ante os temporais mariños no contexto global' (2017), realizado polos investigadores da USC Alejandro Gómez-Pazo e Augusto Pérez Alberti, polos recunchos máis vulnerables da costa galega.
A costa de Galicia ten máis de 2.100 quilómetros de loxintude. Caracterízase polo encadeamento de sectores de costa rochosa e areosa e acháse situada nun contexto de alta enerxía, sometida ao paso de borrascas e temporais mariños. O estudo dos investigadores da USC analizou a súa vulnerabilidade centrándose nas variables físicas que afectan aos primeiros 100 metros da fachada marítima: pendente, altitude, orientación, tipo de costa, litoloxía, cambio no nivel do mar, altura media de onda e distancia á liña batimétrica dos 20 metros. O emprego de ferramentas SIG (Sistemas de Información Xeográfica) permitiu xerar un índice de vulnerabilidade costeira (CVI) con valores entre 1 e 5, de menor a maior vulnerabilidade, que amosa que o 4,52 % da fachada costeira galega presenta valores de alta ou moi alta vulnerabilidade, asociada principalmente aos areais, mentres que no resto da costa, o 57,96 %, maioritariamente costa rochosa, presenta uns valores de baixa vulnerabilidade. Nos estudos litorais a vulnerabilidade costeira, ao igual que a ambiental, relaciónase co grao no que un territorio se pode ver afectado por un determinado evento.
O 4,52 % DO LITORAL GALEGA PRESENTA VULNERABILIDADE ALTA OU MOI ALTA
Para analizar as tipoloxías costeiras en Galicia, dende as costas puramente sedimentarias aos cantís de maior altura, é preciso considerar sempre tres variables: orientación, altura sobre o nivel do mar e pendente. En primeiro lugar, hai que ter en conta a orientación, dado que é fundamental para comprender como será o posible comportamento dun sector ante os temporais invernais. Neste senso, a orientación máis abundante no litoral galego é a oeste, seguida da noroeste. A altitude da franxa litoral sería o segundo elemento a ter en conta, que ademais está estreitamente relacionado con outras variables. Na fachada marítima próxima dominan as superficies planas, vinculadas tanto a superficies de aplanamento como a áreas cubertas por aportes sedimentarios. Conforme se aumenta en altitude, as orientacións de oeste, noroeste e suroeste van gañando importancia. No caso das zonas máis elevadas, por enriba dos 300 metros, a orientación predominante é noroeste.
Un terceiro factor de relevancia na caracterización do litoral é a súa pendente. A altitudes inferiores aos 50 metros domina a horizontalidade, aumentando a pendente conforme aumenta a altitude, así pois, as pendentes superiores aos 64 graos gañan importancia por enriba dos 300 metros sobre o nivel do mar. Os valores de pendente predominantes na costa atópanse por debaixo dos 4 graos, franxa na que se sitúa o 25,91 % da superficie costeira; e entre os 8 e os 16 graos, franxa na que se enmarca o 23,30 % da superficie costeira. Analizando as características da ondada en tres boias significativas localizas no litoral galego, obsérvase como a ondada chega principalmente dende o noroeste. Esta compoñente principal hai que relacionala con que a costa galega se atopa nunha zona de frecuentes temporais invernais, con alturas de onda que poden chegar aos 10 metros de altura. Estes episodios de alta enerxía relaciónanse na maioría dos casos con ondas de compoñente noroeste e oeste, sendo tamén importantes os temporais de compoñente suroeste.
Os resultados obtidos para a vulnerabilidade física da costa galega amosan que tan só unha pequena parte do territorio litoral presenta vulnerabilidade máxima (0,02 %), é dicir, na escala do 1 ao 5 serían zonas situadas nos niveis 4 e 5. As zonas de maior vulnerabilidade están asociadas principalmente aos areais e ás desembocaduras dos ríos, e engloban o 4,52 % do litoral galego. Pódense mencionar como zona de alta vulnerabilidade, por exemplo, os sistemas praia-duna de Rodas, nas Illas Cíes, ou o de Corrubedo, áreas das cales é coñecida a súa enorme fraxilidade. O valor de vulnerabilidade máis común no litoral galego é o de baixa vulnerabilidade (2), que se estende por case o 58 % do territorio, mentres que nun segundo lugar atópanse as zonas de moderada vulnerabilidade (3), cun 20,48 % do litoral. Indo máis ao detalle, os investigadores da USC conseguiron facer no seu estudo unha aproximación cartográfica presentando diferentes mapas que reflexaban máis en detalle o grao de vulnerabilidade dos distintos sectores da costa galega, nomeándoos polas localizacións que os delimitan.
AS PRAIAS E AS DESEMBOCADURAS DOS RÍOS SON OS PUNTOS MÁIS DÉBILES
A costa norte de Galicia, no seu extremo oriental, caracterízase por unha vulnerabilidade baixa ou moderada a excepción das zonas sedimentarias que presentan uns valores máis elevados, como é o caso das proximidades da praia das Catedrais, en Ribadeo, ou a praia de Esteiro, na contorna de Ortigueira. Entre Ortigueira e Doniños, a costa galega presenta unha vulnerabilidade moderada que pasa a ser alta ou moi alta nos amplos sectores sedimentarios. A modo de exemplo, pódese sinalar a vulnerabilidade que presentan tramos como os de Cedeira ou as praias de Medote e Casal. Pola súa banda, o extremo noroccidental da costa galega caracterízase por uns valores de vulnerabilidade baixos, que só aumentan nalgunhas praias sedimentarias como a praia de Doniños no norte ou a praia grande de Miño. O índice de vulnerabilidade amósase en gran parte do territorio en taxas moderadas, que dan paso en numerosos sectores onde dominan as altas ou moi altas como é o caso da praia de Cadoleiro ou da praia de Traba. A tónica xeral na zona litoral que abrangue de Muxía ata Fisterra é dunha vulnerabilidade moderada e importantes sectores de alta. As zonas cos valores máis elevados atópanse nas franxas sedimentarias de Nemiña, Rostro, Lariño e Louro.
Seguidamente, no sector que vai dende punta de Louro ata Baroña, a vulnerabilidade atópase xeralmente entre valores baixos e moderados, que contrastan coas amplas zonas sedimentarias como a praia de Río Sieira, onde pasa a ter vulnerabilidade alta a maior parte do areal. Por outra banda, entre o Cabo de Corrubedo e A Pobra do Caramiñal aparece un sector caracterizado pola vulnerabilidade baixa na súa maioría, exceptuand a ampla franxa litoral ocupada polo sistema dunar de Corrubedo, unha zona e especial interese que está protexida baixo a figura de Parque Natural. Xa entre A Illa de Arousa e A Lanzada obsérvanse novamente unha taxas de vulnerabilidade da costa baixas ou moderadas. Pero rachando esta tónica atópase a praia da Lanzada, que une a península do Grove coa zona continental e presente unha vulnerabilidade alta ou moi alta. Finalmente, destacar que na contorna da ría de Vigo, polo xeral, a vulnerabilidade é baixa, agás en lugares como as praias de Patos ou Panxón e no complexo sedimentario de Rodas, nas Illas Cíes. Esta última zona enmárcase no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e foi e segue a ser obxecto de múltiples estudos para determinar a súa evolución pasada e futura.
Como apunta, tamén cómpre sinalar, segundo se desprende do estudo de Gómez-Pazo e Pérez Alberti, que na análise da vulnerabilidade costeira existente en distintas áreas urbanas, pódese ver como os paseos marítimos e infraestruturas accesorias atópanse frecuentemente na parte superior dos areais, zonas cunha alta vulnerabilidade. Un exemplo moi claro atópase no paseo marítimo da Coruña á altura da praia de Riazor, que se caracteriza por uns índices moderados e altos en sectores máis puntuais e no que, frecuentemente, durante os temporais invernais, se producen danos. Outro exemplo podería ser o paseo marítimo de Silgar, no concello de Sanxenxo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.