Por Galicia Confidencial | A Coruña | 12/04/2016 | Actualizada ás 11:00
O guerrilleiro antifranquista Camilo Dios será nomeado como Republicano de Honra do 2016 en representación da Guerrilla antifranquista galega á que a través da súa figura pretende homenaxear a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHC).
Foi o historiador Bernardo Máiz quen salientou a importancia da actividade guerrilleira en Galicia nun acto que esta entidade celebrou na Coruña. “Metéronlle medo ós represores do réxime franquista, mesmo eliminaron a algún, fixeron sabotaxes dos convois que levaban o wólfram, o que significa que tamén interviñeron na Guerra Mundial, e incluso dos postes de luz de Fenosa cando o Estado empezaba a expropiar os terreos para os encoros”.
Máiz glosou a figura de de Dios sinalando que continuou na loita social, no sindicalismo agrario, despois de saír da cadea e tamén foi concelleiro polo PCE en Xinzo e Sandiás trala morte do ditador. Tamén Nicanor Acosta, Republicano de Honra no 2015 e recentemente xulgado por protestar contra os desafiuzamentos, destacou a figura de Camilo de Dios. “É unha honra que sexa Camilo de Dios, un home vinculado naquel tempo e sempre ó PCE, e a través del a estes homes, os guerrilleiros, que o deron todo pola causa da República”, dixo.
“Na miña familia o meu pai, garda civil, estaba contra eles, i eu estaba con eles. Fai estes días sesenta anos que foi executado Manuel Vello. E fora meu pai quen o detivera e sempre me contaba ó pasar por aquel portal que alí volvera nacer. Pero meu pai terminou vendo a luz cando me tivo que visitar na cadea”, suliña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.