Por Europa Press / Redacción | BRUSELAS | 11/12/2024 | Actualizada ás 10:28
Os ministros de Pesca da Unión Europea alcanzaron un acordo por unanimidade na madrugada deste mércores sobre a repartición das cotas pesqueiras en augas comunitarias á marxe da proposta da Comisión. Un acordo que inclúe medidas para amortecer o recorte ao arrastre no Mediterráneo fronte a proposta comunitaria que quería reducir nun 79% os días de pesca, ata unha media de 27 días de traballo.
Pero, cal é a letra pequena do novo acordo?. O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, destacou que, a pesar das limitacións á flota do Mediterráneo, o certo é que "hi bos resultados" para a frota do Atlántico, que "cumpre as expectativas de España". Así, no caso da pescada sur, que Planas describiu como "unha das especies máis apreciadas para a frota", a cota aumenta lixeiramente de 10.921 a 10.953 toneladas, tras consolidar a recuperación da especie, o que asegura a estabilidade das frotas do Cantábrico e do golfo de Cádiz.
De igual modo, increméntase a cota de rapante en 732 toneladas ata as 3.942 e a do rape sur en 625 toneladas ata as 4.340, mentres que se duplica a do lagostino do Cantábrico, que pasa de 12,4 a 25 toneladas. Tamén se manteñen as mesmas cotas que en 2024 para o lagostino do golfo de Cádiz, que en 2025 tamén alcanzará as 30 toneladas e o abadexo, que suma no tres zonas de pesca de España un total de 388 toneladas. Ademais, a cota de linguado pasa de 5 a 6 toneladas, pero a do xurelo experimentou un recorte significativo do 65,9%, pasando as 43.032 toneladas de 2024 ás 14.668 adoptadas no acordo de 2025. Unha situación que pode afectar á flota galega do xurelo.
ACORDOS CON NORUEGA E REINO UNIDO
No caso das especies compartidas con Noruega, aumentaron as posibilidades de pesca do bacallau e os accesos mutuos ao Mar do Norte, do que se beneficiará especialmente a frota galega. En base ao acordo, incrementáronse as posibilidades de pesca do bacallau ártico para España ata as 2.617 toneladas, o que supón un 3% mais que en 2024, á vez que se mantén a cota de cabra de altura (gallineta ártica) en 106 toneladas explotadas.
No que respecta ao acordo con Reino Unido, Planas destacou que se lograron os principais obxectivos de España, que logrou unha redución do 20% para a cota de pescada norte fronte ao recorte do 30% que expuña Bruxelas. No caso da pesca de xurelo compartida coa frota británica, e "tras varios anos de cota cero", Planas apuntou que a España lle corresponderá un total 6.719 toneladas, unha cifra "importante" porque será un "alivio" para as frotas de arrastre do Cantábrico noroeste. Polo seu lado, o ollomol pasará a ter unha cota accesoria para evitar o afogamento da especie, mentres que o rape norte experimentará unha subida global do 54% ata as 3.817 toneladas.
RECORTE NO MEDITERRÁNEO
"Conseguimos neutralizar a diminución do 79% que reduciría os días de actividade da frota" dos 130 actuais a 27, explicou Planas en rolda de prensa, en referencia á "radical" e "desenfocada" proposta da Comisión Europea que, segundo o sector, supuña unha "sentenza de morte" para a pesca de arrastre. Para amortecer ese recorte e garantir a supervivencia da frota, recorreuse a un mecanismo de compensación "aumentado" que permitirá recuperar días de actividade se se cumpren certas medidas ambientais (a elixir entre 12) tales como a instalación de novas mallas, portas voadoras, a imposición de vedas ou o peche temporal dalgunhas zonas para protexer ás especies demersales cuxa recuperación preocupa á Comisión: os alevíns de pescada e a gamba vermella.
Planas sinalou que estas medidas máis selectivas coas capturas equilibran esa redución do 79% e que só a suma de dúas delas (o uso de mallas de 45mm en pesca costeira e de 50mm para conxunto flota arrastre) ambas suman xa unha compensación do 80%, polo que, "en termos prácticos, os pescadores van poder dispor de mesmos días de traballo que en 2024". Os ministros de Pesca da Unión Europea alcanzaron un acordo por unanimidade na madrugada deste mércores sobre a repartición das cotas pesqueiras en augas comunitarias que inclúe medidas para amortecer o recorte ao arrastre no Mediterráneo fronte a proposta da Comisión Europea que quería reducir nun 79 % os días de pesca, ata unha media de 27 días de traballo.
A FROTA GALEGA, PREOCUPADA POLA COTA DE PESCADA
A frota galega mostra preocupación pola redución do 20% na cota de pescada do Gran Sol. Respecto ao resto de especies, valora que ao sector de Galicia non lle foi "tan mal" este ano. En declaracións a Europa Press, o presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, Basilio Otero, tamén patrón maior en Burela, resalta que a distribución centra a preocupación dos pescadores galegos na pescada norte, ademais de no xurelo.
Pola súa banda, Sergio López, da organización de produtores de Burela, incide na relevancia que para a súa frota ten esa pescada do Gran Sol, de aí a "mala noticia" da diminución do 20%. En calquera caso, "era peor" a baixada de case o 30%, que era a proposta inicial. "Veremos o efecto", advirte. E é que esta "mala noticia" pode ser "mellor ou peor" ao longo do exercicio que vén, segundo evidencia, en función do volume de capturas de pescada que consuma a frota. O que si anticipa é ese "efecto limitante". Para a frota de litoral, López, como Otero, indica que "a maioría son boas noticias", polas cotas alcanzadas para especies como a pescada sur, a anchoa, o galo, o rape e o lagostino, entre outras especies.
Pola súa banda, o presidente da federación de confrarías galegas, José Antonio Pérez Sieira, corrobora que na repartición dalgunhas especies a frota galega sae "bastante ben" parada este ano. Neste sentido, apunta á posibilidade de facer pesca dirixida de xurelo na zona VIII. Con todo, Pérez Sieira lembra que queda "moitísima frota" de Galicia que aínda faena no Gran Sol, "barcos da Coruña, Vigo, Ribeira...". Por iso lamenta o impacto que ten o recorte de pescada nese caladoiro. Co foco na "destrución" de frota no Mediterráneo, o responsable dos depósitos de Galicia aproveita para pedir ao novo comisario do ramo que non se fixe "tanto" no ambiental e "mire un pouco máis" os efectos socioeconómicos da pesca.
A XUNTA CRITICA QUE O GOBERNO CENTRAL "NON FIXO O SEU TRABALLO"
Finalmente, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, atribúe a baixada de cota da pescada do Gran Sol e algunhas "incoherencias" no que respecta á repartición de topes para outras especies a que o Goberno central "non fixo o traballo que tiña que facer" e non negociou "dunha forma correcta". "Proba diso" é, para o titular de Mar do Executivo galego, que "o que se plasmou no documento definitivo é a proposta inicial" e "non se tiveron en conta" aspectos derivados da sentenza europea sobre os efectos socioeconómicos da pesca.
A Xunta xa transmitiu en abril, nun consello consultivo, "que había que facer forza con esta sentenza", lembrou o conselleiro. "E entendemos que desde o ministerio non se fixo ese traballo", incidiu. Ademais, Villares considera que a proposta que se expuxo para esta negociación "é unha proposta envelenada que deixou o anterior equipo ao novo comisario". A iso súmalle que o ministerio, ao seu xuízo, "non fixo o traballo que tiña que facer" e "non se negociou dunha forma correcta". Como resultado, lamenta "baixadas importantes" na pescada do Gran Sol e "unha clara incoherencia nas cotas relativas ao abadexo, ao xurelo do cantábrico e á anchoa" que apunta que "se verá aínda como se vai plasmar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.