Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2025 | Actualizada ás 15:12
As exportacións galegas baixaron un 3,5 % en xaneiro, respecto ao mesmo mes de 2024, mentres que as importacións subiron un 2,4 %, segundo datos publicados este luns polo Instituto Galego de Estatística (IGE), recollidos por Europa Press. En concreto, Galicia enviou produtos ao exterior por valor de 2.236 millóns de euros en xaneiro de 2025, baixando máis que a media nacional, xa que no total de España as exportacións caeron un 1,2 %, con 29.780 millóns.
Pola súa banda, as importacións subiron ata os 1.830 millóns, crecendo tamén no conxunto do país un 6,2 %, con máis de 35.973 millóns. Desta maneira, o saldo exterior galego foi positivo en xaneiro, con 405 millóns, mentres que continuou negativo a nivel nacional, con -6.192 millóns. Os produtos con maior influencia negativa nas exportacións en xaneiro foron os combustibles, aceites minerais, cun peso do 2,4 % do total e unha taxa de variación do -59 %.
En canto a importacións, os que tiveron unha influencia máis positiva na súa subida foron as conservas de carne ou peixe, cun peso do 12,8 % do total e unha taxa de variación do 25,5 %. Por rexións xeográficas, o 84,1 % das exportacións galegas foron a parar a algún país europeo, subindo un 0,1 %, con 1.879 millóns. Con todo, os envíos á Eurozona caeron un 3,6 % en xaneiro, ata 1.415 millóns. En cando ás importacións, un 40,6 % provén de Europa, con 742 millóns (-2 %), sendo 527 millóns da Zona Euro (+2,3 %). De Asia provén o 26,4 % dos produtos comprados por Galicia ao exterior, subindo un 16,2 % en xaneiro, ata 483 millóns.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.