Temas: FRASEOLOXíA

“Mirar a alguén unha (mala) meiga” ou “caerlle unha mala fada”, algunhas equivalencias do castelán “mirar a alguien un tuerto”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 23/03/2025 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para dar conta de que unha persoa está a atravesar un período de continua mala sorte, un período en que case todo lle sae mal ou ás avesas, en castelán non é raro sentir que a esa persoa la miró un tuerto.

Imaxe icónica dunha meiga
Imaxe icónica dunha meiga | Fonte: Commons

En galego contamos con non poucas secuencias fraseolóxicas que fornecen ese mesmo contido ou significado:

Haber mirado un tuerto unha persoa ou entidade

{= Fraseoloxismo que se lle aplica a unha persoa ou entidade –mesmo ás veces a algunha cousa– que está a atravesar un período máis ou menos continuado de mala sorte, un período en que case todo lle sae mal ou ás avesas.}

Ver # Mirar {EMPREGADOS EN TEMPO PASADO} a alguén unha meiga

Ver # Mirar {EN TEMPO PASADO} a alguén unha mala meiga

Caerlle {EN TEMPO PASADO} a alguén unha mala fada && Botarlle {EN TEMPO PASADO} a alguén unha mala fada (enriba)

Ter alguén a meiga (enriba) && Botarlle {EN TEMPO PASADO} a alguén a meiga (enriba)

Ter alguén a bruxa (enriba) && Botarlle {EN TEMPO PASADO} a alguén a bruxa (enriba)

Ter alguén a/unha praga (enriba) && Botarlle {EN TEMPO PASADO} a alguén a praga (enriba)

Ter alguén o/un meigallo (enriba) && Botarlle {EN TEMPO PASADO} a alguén o meigallo (enriba)

Ter alguén a peste (enriba) && Botarlle {EN TEMPO PASADO} a alguén a peste (enriba)

Ter alguén a negra (enriba)

Estar enmeigado

[E MAIS]:

Chamarlle {EN TEMPO PASADO} o demo as vacas

Ex.: El día que le daban el alta por lo de la pierna va, sale a la calle y lo atropella una moto. Ni que le hubiese mirado un tuerto.

O día que lle daban a alta polo da perna vai, sae á rúa e trónzao unha moto. Nin que o mirase unha meiga Parece que o vise unha mala meiga Seica lle caeu unha mala fada Nin que lle botasen (enriba) unha mala fada Parece que ten a meiga (enriba) Nin que alguén lle botara a meiga Nin que tivera a bruxa (enriba) Seica lle botaron a bruxa Nin que tivera unha praga Parece que lle botaran a praga (enriba) Nin que tivese o meigallo Seica alguén lle botou un meigallo Nin que tivera a peste (enriba) Parece que alguén lle botase a peste (enriba) Nin que tivera a negra Nin que estivera enmeigado Parece que lle chamou o demo as vacas.

Ex.: ¡A este edificio lo ha mirado un tuerto: cuando no hay goteras, hay grietas; cuando no se produce un incendio, se produce una inundación;... y así continuamente!

¡A este edificio viuno unha meiga A este edificio mirouno viuno unha mala meiga A este edificio caeulle unha mala fada A este edificio alguén lle botou unha mala fada Este edificio ten a meiga (enriba) A este edificio botáronlle a meiga Este edificio ten a bruxa (enriba) A este edificio seica lle botaron a bruxa Este edificio nin que tivera a praga A este edificio parece que lle botaran unha praga (enriba) Este edificio ten o meigallo A este edificio seica alguén lle botou un meigallo Este edificio nin que tivera a peste (enriba) A este edificio alguén lle botou a peste Este edificio ten a negra Este edificio seica está enmeigado A este edificio nin que lle chamase o demo as vacas: cando non hai pingueiras, hai regañas; cando non se produce un incendio, hai algún asolagamento;... e así seguido!

● Tamén:

Ver # Mirar {EN TEMPO PASADO} o demo a alguén && Andar o trasno con alguén && Andar o demo con alguén

Ex.: O día que lle daban a alta polo da perna vai, sae á rúa e trónzao unha moto. Nin que o mirara o demo Parece que anda o trasno con el Seica anda o demo con el.

● E inda tamén, asociadas a ámbitos de uso familiares e coloquiais, e a un rexistro que mesmo pode lindar o vulgar:

Estar alguien meado por los perros

Estar alguén mexado dun can # mexado dos cans && Mexarlle {EN TEMPO PASADO} a alguén un can diante # un can por riba && Cagarlle {EN TEMPO PASADO} a alguén un can diante # un can no camiño && Cagarlle {EN TEMPO PASADO} a alguén o demo no camiño && Pisar {EN TEMPO PASADO} unha merda

Ex.: O día que lle daban a alta polo da perna vai, sae á rúa e trónzao unha moto. Parece que está mexado dun can Parece que lle mexou un can diante Nin que lle mexase un can por riba Seica lle cagou un can diante Nin que lle cagase un can no camiño Parece que lle cagou o demo no camiño Nin que pisase unha merda.

● Mesmo tamén:

Torcerllas a alguén o demo && Traerllas a alguén o demo

Ex.: O día que lle daban a alta polo da perna vai, sae á rúa e trónzao unha moto. Nin que llas torcera o demo Parece que llas trae o demo.

● E incluso tamén, sobre todo aplicada a unha situación concreta de mala sorte ou en que algo sae mal:

Cangarlla o demo

Ex.: O día que lle daban a alta polo da perna vai, sae á rúa e trónzao unha moto. Nin que lla cangara o demo.

NOTAS:

1. Tal e como se pode apreciar nos exemplos, en moitas ocasións o fraseoloxismo aparece introducido por secuencias do tipo nin que, parece que, seica ou semellantes, que determinan, ademais, o emprego modal do verbo.

2. A locución castelá meado por los perros, tirada do DRAE, é propia, segundo esta mesma fonte, de Cuba e mais do Uruguai.

3. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Barbeito Lorenzo, María Dolores: “Frases feitas do Concello das Neves”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 293-301. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 3”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 199-210. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Franco Grande, Xosé Luís: Manuel Leiras Pulpeiro. Obra Completa. Ed. Galaxia, 1970.

- García García, Nuria: “Breve achega á fraseoloxía do Couto de Oíns (Arzúa)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 24, 2022, páxs. 167-183. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/.

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ibáñez Fernández, José: Diccionario galego da rima e galego-castelán. Publicado en 1950.

- López Barreiro, Margarita: “Frases feitas do Cachafeiro (Forcarei)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 317-327. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “O labor de fraseógrafo de Manuel Leiras Pulpeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 59-77. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta