Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/03/2025 | Actualizada ás 12:24
A Sección Quinta da Sala Terceira do Tribunal Supremo (TS) decidiu revogar a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de paralizar o parque eólico de Campelo, entre Santa Comba e Coristanco. O Alto Tribunal español entende que a sentenza do TSXG, impugnada en casación, "apártase da doutrina xurisprudencial e non é axustada a Dereito", polo que se revoga.
Polo tanto o TS confirma a legalidade do acordo administrativo que autorizou o parque eólico de Campelo. Entre a súa argumentación esgrime que o feito de que dous ou máis instalacións de parques eólicos compartan instalacións de conexión non comporta "a existencia dun único proxecto de parque eólico a efectos da súa avaliación ambiental". "Haberá que examinar en cada caso as circunstancias concorrentes, á luz da normativa e da xurisprudencia aplicables", indica na súa sentenza.
Foi en outubro de 2022 cando o Alto Tribunal galego acollía a solicitude de ADEGA e da PDCC para suspender a execución do acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se outorgaron as autorizacións administrativas previa e de construción e se declarou a utilidade pública do proxecto do parque eólico Campelo. Este proxecto, sito nos municipios de Coristanco e Santa Comba, está promovido pola sociedade Greenalia Wind Power Campelo, S.L., en cuxo Consello de Administración se atopa na actualidade a que fora Conselleira de Medio Ambiente co PPdeG, Beatriz Mato.
A XUNTA AMOSA A SÚA SATISFACCIÓN
A Xunta amosou a súa satisfacción polo feito de que o Tribunal Supremo "avale a correcta tramitación do parque eólico de Campelo, que abre a porta a levantar a paralización polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de 64 parques eólicos", sostén. "Esta resolución xudicial engádese ás emitidas a finais de 2023 e comezos de 2024 sobre o parque eólico Corme, que daban validez á tramitación ambiental realizada pola Administración autonómica", apostila.
OUTRAS REACCIÓNS
Pola súa banda, a Asociación Eólica de Galicia (EGA) acolle con "cautela" a decisión do Tribunal Supremo (TS) na que se reafirma na doutrina xurisprudencial establecida para os parques eólicos de Galicia. "Case todos os proxectos paralizados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) obedecen ás mesmas razóns que, outra vez, o Supremo tumba e anula, é un paso máis nos procesos xudiciais que afectan o sector, pero aínda debemos esperar a que se pronuncie o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE), instancia á que recorreu o TSXG expondo unha tripla cuestión prexudicial". "Entre tanto, seguen pasando os anos sen que podamos facer nada, coas nefastas consecuencias para a industria, a economía e o medio ambiente", engade.
Desde Adega, como parte demandante neste procedemento, afirman que esperarán a coñecer o contido íntegro desta sentenza do Tribunal Supremo e o seu fundamento xurídico para pronunciarse publicamente sobre as súas posibles repercusións "e decidir, se procedesen, sobre as accións legais a emprender". Tamén alude á cuestión prexudicial ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) mentres manteñen "a súa firme intención de acudir a todas aquelas instancias necesarias para seguir defendendo os intereses xerais e o medio ambiente galego dun modelo eólico depredador e expoliador do noso territorio".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.