Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2025 | Actualizada ás 12:38
O PSdeG e as Xuventudes Socialistas de Galicia participarán activamente este sábado na manifestación convocada na Pobra do Caramiñal para mostrar o seu rexeitamento ao proxecto de Altri ao considerar que "Galicia merece un modelo transparente e sustentable" e non "unha operación chea de interrogantes e sen garantías".
Nun comunicado remitido aos medios, o portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, explicou que os socialistas galegos estarán este sábado na Pobra en protesta "contra a gran mentira do proxecto de Altri".
"Queremos convidar os galegos e galegas a que participen nesta mobilización, porque está en xogo o futuro do noso territorio e o respecto que merece a nosa xente", sinalou.
Torrado incidiu en que Altri representa "xusto o contrario do que debe ser un proxecto industrial sólido". "Falla no tres patas básicas que debe cumprir calquera iniciativa seria: non é sustentable ambientalmente, non ten unha viabilidade económica contrastada e tampouco garante un impacto social positivo no territorio", apuntou Torrado.
O socialista acusou ao PP de promover "un modelo de desenvolvemento escuro, opaco e ao servizo de intereses privados" e lembrou que "Rueda está a cambiar sobre a marcha a finalidade do proxecto, alterando os compromisos iniciais e escondendo os seus efectos reais".
"O único que parece claro neste momento", dixo, "é que buscan un enorme financiamento público a fondo perdido para unha protesta que Galicia nin perdeu nin necesita".
Torrado denunciou que "o Partido Popular trata de armar unha gran mentira política e industrial ao redor de Altri, disfrazándoa de oportunidade cando é, en realidade, un risco ambiental, un buraco económico e unha falta de respecto da sociedade galego".
Fronte a isto, subliñou que o PSdeG reafirma o seu compromiso cun modelo produtivo que some valor e non que reste. "Seguiremos traballando de forma verdadeiramente útil e rigorosa, fronte aos intereses escuros e ao entreguismo que representa a Xunta de Galicia neste asunto".
Por último, asegurou que esta non é unha loita puntual, senón unha defensa constante do país: "Dicimos non á mentira de Altri e non á mentira de Rueda. Galicia merece máis que a propaganda industrial sen garantías. Galicia merece un futuro real, non fume", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.