Por Europa Press / Redacción | VIGO | 21/03/2025 | Actualizada ás 18:22
As obras de reparación dos tres centros da comarca do Morrazo cuxas cubertas foron danadas pola borrasca 'Martinho' levarán unhas dúas semanas e media, segundo estimacións dos técnicos da Xunta. Con todo, a duración dependerá das condicións meteorolóxicas. O IES Rodeira de Cangas retomará este luns a súa actividade e acollerá tamén a alumnos de Bacharelato do IES María Soliño, do mesmo municipio, en xornada de tarde. En canto aos estudantes da ESO deste último centro, continuarán dando clases telemáticas a través de 'E-Dixgal'.
O temporal tamén afectou á escola de Educación Infantil do Con, no municipio veciño de Moaña, e a súa trintena de alumnos poderán retomar a docencia nas instalacións do CEIP Quintela. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, desprazouse este venres ata as localidades morracenses, onde mantivo encontros coas comunidades educativas dos centros afectados pola borrasca 'Martinho', así como as autoridades locais.
En declaracións á prensa, a alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, valorou que "rapidamente", unha vez se coñeceu que os tellados de ambos os IES se desprenderon polo vento, as administracións puxéronse a traballar en atopar unha solución. Neste sentido, Rodríguez agradeceu a "responsabilidade" de todas as partes, incluídas Protección Civil e as forzas e corpos de seguridade, para atallar a situación: "Houbo unha moi rápida resposta que vai minimizar o impacto educativo no alumnado desta situación excepcional".
"PRIORIZANDO O IES MARÍA SOLIÑO"
As autoridades compareceron acompañados de persoal técnico implicado, quen explicou que as obras de reparación das cubertas arrincarán o luns. "Traballarase en varios ao mesmo tempo" pero "priorizando o IES María Soliño", porque é o que ten ao alumnado desprazado e o que sufriu máis dano. Así, este venres a empresa responsable das obras empezou a retirar o material e este sábado instalará "todo o necesario" para que o luns poidan empezar os traballos. Estiman que a reparación tardará "dúas semanas e media", pero será en función das condicións meteorolóxicas.
O certo é que non é a primeira vez que isto sucede aos centros educativos da zona, especialmente ao IES de Rodeira. Preguntados respecto diso, os técnicos da Consellería recoñeceron que "dos erros apréndese" e que as novas cubertas irán "ancoradas aos forxados". A volta ás clases será xa o luns en Rodeira, pero para a María Soliño decidiuse que só Bacharelato volvese á docencia presencial no outro instituto, en xornada de tarde. En canto aos alumnos de ESO da María Soliño, valorouse adoptar esta mesma solución, pero as direccións de ambos os centros sinalaron varios "inconvintes" --como as actividades extraescolares e as clases da Escola Oficial de Idiomas que se desenvolven en Rodeira-- e a preferencia das familias. Finalmente, estudarán desde as súas casas a través de 'E-Dixgal'.
CENTRO DE CERCEDA
Os ventos de 'Martinho' tamén causaron danos na cuberta do CPI O Cruzamento de Cerceda, onde xa traballa unha empresa para arranxala "no menor tempo posible" coa intención de que o luns os nenos poidan volver a clase. Segundo asegura a Europa Press a Consellería de Educación, está a actuarse "coa maior celeridade posible", pero a marcha das obras "vai depender do que a situación meteorolóxica permita avanzar" durante a fin de semana. O director territorial da Consellería mantívose en contacto co alcalde, José Manuel Rodríguez, para poder recolocar aos alumnos no auditorio en caso de non poder retomar a actividade no CPI. As familias serán informadas a través da plataforma 'Abalar'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.