(VÍDEO) Centos de persoas protestan na Pobra contra o proxecto de Altri e a Mina de Touro

A manifestación, impulsada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, reuniu embarcacións e cidadanía contra os proxectos industriais en Palas de Rei e Touro

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2025 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

O municipio da Pobra do Caramiñal acolleu este sábado unha multitudinaria protesta por mar e terra contra a planta de celulosa que a multinacional Altri proxecta no concello lucense de Palas de Rei, así como contra o proxecto da Mina de Touro. A convocatoria partiu da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), que logrou mobilizar a centos de persoas e numerosas embarcacións no litoral.

Manifestación na Pobra contra o proxecto de Altri e a Mina de Touro
Manifestación na Pobra contra o proxecto de Altri e a Mina de Touro | Fonte: GC

A marcha arrancou pasadas as 12:30 horas desde a estación de autobuses e percorreu as rúas principais da vila ata o espazo habilitado fronte ao mar, onde se instalou o palco principal. Alí tivo lugar a lectura do manifesto final e diversas actuacións musicais, nun acto conducido polos artistas Isabel Risco, Carlos Blanco e Quico Cadaval.

Desde a organización, destacouse a falta de apoio cidadán aos proxectos industriais. A presidenta da asociación Ulloa Viva, Pilar Naveira, afirmou que "é máis que probable que o proxecto teña licenza administrativa, pero o que é 100% seguro é que non ten licenza social".

Pola súa banda, o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, solicitou directamente a dimisión dos responsables autonómicos implicados: "Pedimos a saída do conselleiro do Mar, Alfonso Villares; da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; e da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana". Ademais, sinalou que "a Xunta debe mudar de rumbo" e apuntou ao presidente Alfonso Rueda como "máximo responsable".

A protesta, que tamén tivo presenza no mar a pesar das condicións meteorolóxicas adversas, forma parte dun calendario de mobilizacións cidadás que se intensificou tras o informe ambiental favorable emitido pola Xunta en relación ao proxecto de Altri.

A plataforma convocante e diversos colectivos ambientais reiteraron que continuarán coas accións de presión social e política nos vindeiros meses para tratar de deter a instalación desta planta que, segundo denuncian, podería ter impactos negativos sobre o medio ambiente e o tecido socioeconómico local.

PONTÓN INSTA A RUEDA A ESCOITAR O REXEITAMENTO SOCIAL

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, solicitou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao comezo da manifestación, que "escoite o clamor social" en contra da planta de Altri proxectada no concello lucense de Palas de Rei e que "rectifique" a súa postura institucional sobre este proxecto industrial.

"Ao igual que no pasado se impuxo Ence en Pontevedra, agora preténdese repetir o modelo con Altri na comarca da Ulloa", advertiu Pontón, quen cuestionou directamente ao presidente galego: "Se Altri é tan boa, por que non a queren en Portugal?".

A portavoz nacionalista tamén criticou a actitude do Partido Popular ante a protesta social: "No canto de criminalizar á cidadanía e desprestixiar aos que se mobilizan, o señor Rueda debería reflexionar e atender a esta marea de dignidade que lle di alto e claro 'Altri non, Galicia si'".

BESTEIRO CUALIFICA DE "GRAN MENTIRA" O PROXECTO DE ALTRI

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, manifestou, pola súa band, a súa oposición ao proxecto da pasteira Altri, ao que cualificou como "unha gran mentira" e que, segundo afirmou, "non é sustentable para Galicia".

Besteiro advertiu que o proxecto "non encaixa no modelo produtivo" que defende o seu partido para o país: "Non é o futuro que queremos para Galicia", asegurou.

O líder socialista sinalou que inicialmente o proxecto foi presentado como unha planta orientada á produción de fibras biotecnolóxicas, pero que finalmente se revelou como "unha gran macrocelulosa". Neste sentido, criticou a forma en que a proposta foi comunicada e defendida polas autoridades autonómicas: "O PPdeG actuou como un verdadeiro axente comercial do proxecto e non como garante do interese público".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta