Por Ángela Precedo | VIGO | 19/03/2025 | Actualizada ás 21:55
En Galicia, unha pequena comunidade relixiosa cuxo centro de operacións se situaba nun chalé da pequena parroquia pontevedresa de Santa María de Oia pasou da discreción ao escándalo cando as súas prácticas foron postas baixo o foco da xustiza. A Orde e Mandato de San Miguel Arcángel, máis coñecida como 'Os Miguelianos', naceu como un grupo de fieis en busca dunha vida espiritual máis intensa. Fronte a esa idílica visión, o seu lider, Miguel Rosendo da Silva, apodado 'Migueliño', rematou en prisión acusado de abuso sexual continuado con prevalimento e penetración. O que para algúns foi un refuxio de fe, para outros convertiuse nunha contorna de manipulación e control. Ao longo dos anos, este caso xerou un intenso debate sobre os límites entre a espiritualidade e a coerción, así como sobre o impacto das seitas nos seus seguidores. Que aconteceu realmente dentro desta comunidade? Foi unha seita destrutiva e abusadora cos seus membros ou só un grupo de crentes inofensivo malinterpretado? O X Encontro Nacional sobre Abuso Psicolóxico e Seitas abordou este tema con algúns dos expertos implicados na investigación sobre o caso.
Miguel Perlado, psicólogo clínico, psicoterapeuta e psicoanalista de recoñecido prestixio no estudo e tratamento de dinámicas sectarias e abusos espirituais, participou como perito no caso dos Miguelianos. O seu labor consistiu en analizar as prácticas e estruturas da organización para determinar se presentaban características propias dunha secta coercitiva. Perlado deu conta de como unha asociación de fieis de dereito diocesano instituída na diócese de Tui-Vigo en xullo do 2009 se convertiu nunha das maiores sectas da Historia de Galicia. Foi en decembro de 2014 cando todo estoupou, coa operación policial 'El Edén' despregada nun chalé do concello madrileño de Collado-Villalba, na que se detivo a Miguel Rosendo da Silva, fundador dos Miguelianos, e tamén á súa colaboradora máis próxima, Marta Paz, de 29 anos, unha das 'irmás' consagradas da orde. Cando todo semellaba ter rematado, aínda quedaban liñas por escribir nesta historia. A día de hoxe a orde non existe como tal, pero os seus tentáculos, con cambio de nome incluído, estendéronse ata Madrid. Tras ser destituído polo Bispado de Tui-Vigo por 'conduta inapropiada' e ser condenado no 2021 a 9 anos de prisión, Miguel creou na serra de Madrid a organización 'A Voz do Serviam', que non é máis que unha continuación dos Miguelianos.
"CANDO O BISPADO DE TUI-VIGO APARTOU DO LIDERADO A MIGUEL, MÁIS DO 80 % DOS MEMBROS DO GRUPO ENTREGARON A SÚA BAIXA, PASANDO DE 400 A 30"
Volvendo ao caso dos Miguelianos, cando a sociedade e as familias dos membros do grupo se deron conta de que o que semellaba ser unha entidade fundada no seo da Igrexa católica non era tal, denunciaron. "Eu tiven no 2015 a ocasión de coñecer a varias vítimas dos Miguelianos, moitas das cales xa estaban sendo 'axudadas' por Miguel con terapia previamente á constitución como tal da secta", lembra Luis Santamaría del Río, teólogo experto en sectas e membro da Rede Iberoamericana de Estudo das Seitas (RIES), que asegura que "eran persoas que o coñecían dende facía 20 ou 30 anos". Como era posible que téndose fundado o grupo no 2009 houbese xente que xa era fiel seguidora de Rosendo tantos anos antes? Santamaría confesa que "tratábase dunha situación moi curiosa, pois era o único caso coñecido no que un grupo existía arredor dun home que dicía ser sanador e que tiña unha herboristería en cuxa trastenda facía rituais". Neses rituais foise gañando a confianza da xente ata que, un día, proponlles aos seus adeptos constituír un grupo católico co que ir tocar a guitarra pola vila de Oia, conseguindo así o recoñecemento do Bispado de Tui-Vigo. Con todo, dende que no 2009 se constitúe o grupo ata que chegan as primeiras irregularidades sobre o mesmo a oídos do bispado non pasan moitos anos. Foi no 2012 cando se tiveron as primeiras acusacións de abusos cometidos por Miguel sobre algúns dos membros do grupo.
A partir de aí, investigouse para comprobar canto de certo tiñan estas acusacións, recabouse información, entrevistouse aos membros que realizaran as denuncias públicas e, en marzo do 2014, presentouse ante o Bispado de Tui-Vigo un informe ao respecto. Co informe na man, o bispado apartou de todas as súas funcións ao fundador, a Miguel, como líder do grupo xa recoñecido como Os Miguelianos. Seguidamente, nomeouse a un comisario extraordinario que, en abril dese mesmo ano 2014, reuniu a todos os membros do grupo para comentarlles o que acontecera. A sorpresa foi que "máis do 80 % dos membros --uns 400 no seu punto álxido--, en cantidade e calidade, porque había tamén altos cargos da orde, entregaron o seu escrito de baixa como asociados, quedando unicamente unhas 30 persoas". Os que abandonaron a orde mantendo a súa fidelidade a Miguel Rosendo da Silva, que foron unha inmensa maioría, "marcharon a Madrid e fundaron 'A Voz do Serviam', grupo adicado ao coidado de anciáns en residencias e outros labores sociais como o reparto de alimentos entre os necesitados, sen vinculación algunha coa igrexa". "Hai que dicir que ese grupo continúa existindo a día de hoxe, con outro nome, e que está constituído como fundación e rexistrado como tal, o cal ten moita relevancia, porque unha fundación xa non é unha mera asociación de cara ao panorama xurídico estatal", advirte Santamaría, que conclúe que "algunhas seitas nin se crean nin se destrúen, só se transforman".
"A SENTENZA DESESTIMOU EVIDENCIA OBXECTIVA DE QUE SE USASEN TÉCNICAS DE ALTERACIÓN DA PERSONALIDADE A PESAR DOS INFORMES PSICOLÓXICOS"
Miguel Perlado lembra que o xuízo contra Miguel Rosendo da Silva polo caso dos Miguelianos se levou a cabo no ano 2018, pero a sentenza definitiva foi emitida no 2021. O Tribunal Supremo confirmou en maio de 2021 a condena a Rosendo de 9 anos de prisión por abuso sexual continuado con prevalemento e penetración a unha das integrantes do grupo. Esta confirmación chegou tralos recursos presentados tanto pola defensa de Rosendo como polas acusacións particulares, que buscaban unha revisión da sentenza inicial emitida pola Audiencia Provincial de Pontevedra en decembro do 2018. O Supremo ratificou a pena imposta, consolidando así a resolución do caso no primeiro semestre do ano 2021. A Fiscalía imputaba a Rosendo moitos delitos, pero o papel de Miguel Perlado pasaba por evaluar psicoloxicamente a 12 dos denunciantes. "Aínda que a Fiscalía e a acusación tiñan unha boa cantidade de delitos, o Supemo desestimounos todos e só lle imputou o delito de abuso sexual a unha das 'bastonas' --grupo de mulleres que desempeñaba un papel fundamental na estrutura e funcionamento interno da comunidade, mantendo unha relación especialmente próxima co líder--.
Así, lamenta que, finalmente, "a sentenza do Tribunal Supremo desestimou que houbese evidencia obxectiva de que se tivesen empregado no grupo técnicas de alteración da personalidade", e todo "a pesar dos informes contundentes que se fixeron respecto aos danos psicolóxicos". Fronte a isto, lembra que "a defensa do tamén coñecido como 'Migueliño' argumentou que existía unha conspiración contra el", dicindo que "todo o que fixera unicamente fora por amor aos seus devotos". Pola contra, para Perlado resulta "evidente" que "os abusos cometidos foron sistemáticos e sistémicos". Ademais, resalta que ás veces a xente confunde as análises externas co que acontece dentro da organización, lembrando que "a seita normalmente está dentro, non fóra, e faise máis patente canta máis proximidade ao fundador". Precisamente por iso, "as 'bastonas' eran as que estaban máis expostas a sufrir os seus abusos".
"OS PENALISTAS SÓ POÑEN O FOCO NO DELITO E, NO TERREO FORENSE, O QUE MÁIS PESO TEN SEMPRE É A PARTE DOCUMENTAL E OBXECTIVA"
No xuízo mesmo se pedían responsabilidades ao Bispado de Tui. Tratábase dunha trama moi complexa, pois había que ter en conta cales eran as responsabilidades que tamén se debían atribuír a outros membros cando estes reproducían os abusos que sufrían con outros membros que formaban parte da mesma estrutura. "Cal é o nivel de culpabilidade ou de responsabilidade penal de persoas que están perpetuando certos abusos dentro da mesma estrutura?", pregúntase Perlado. E é que "nalgúns casos replicábase o mesmo comportamento abusivo, non só por parte do fundador, senón tamén por parte doutros membros", sinala. Con todo, finalmente, "non se puideron aplicar todos os tipos delitivos", pois "o xulgado dixo que non había elementos obxectivos" para así facelo, a pesar de que "no desenvolvemento que fai da sentenza descríbese claramente cales foron os casos de progresivo afectamento das persoas".
Perlado lembra tamén que o delito polo que se decretou o ingreso en prisión de Rosendo foi por abuso sexual con prevalimento, "unha figura que ten que ver cunha relación de poder na que alguén ten un certo ascendente sobre outro". E é que dentro dos Miguelianos había unha estrutura moi xerarquizada que partía do líder e ía baixando chanzos. A figura do prevalimento é asumida como un agravante polos xulgados, pois "a muller abusada tiña unha relación pola que consideraba que 'Migueliño' era o seu orientador e case o seu pai". Algo que se demostrou probado. Sen embargo, "a sentenza non fai extensible esta circunstancia agravante a outras vítimas". Por que? Segundo apunta Perlado, porque "os penalistas só poden poñer o foco no delito e, no terreo forense, o que máis peso ten sempre é a parte documental e obxectiva", é dicir, as probas: rexistros, gravacións..., pois hai que ter en conta que "este tipo de delitos perpetúanse na intimidade, a porta pechada, como acontece co incesto, practicado nun contexto de alta intimidade".
"UN TERZO DAS VÍTIMAS TIÑA SÍNTOMAS DE ESTRÉS POSTRAUMÁTICO; OUTRO, RELACIÓNS PATOLÓXICAS; E, OUTRO, DANO MORAL AÍNDA SEN PSICOPATOLOXÍAS"
Así, aínda que psicólogos como Perlado poidan determinar que existían "vítimas co mesmo cadro traumático --medo, ansiedade, culpa--, ten que haber probas para obxectivar ese dano, pois o xulgado precisa de gravacións, probas textuais ou de calquera outro tipo". Ademais, Perlado tamén indica que "a sentenza semellaba confundir o procedemento sectario coa institucionalización do control no grupo". "Por un intre, semellan recoller e dar crédito a que existía un prevalemento, un certo proceso de influencia, pero non o aplican á estrutura de grupo", o cal "nos leva a pensar se o foco hai que poñelo no grupo ou no dano". Segundo o psicólogo clínico, e na súa experiencia, "o foco debería poñerse sempre sobre o dano", porque "o contexto axúdanos a entender como e onde se produce o dano, pero non poderá disolvelo". De feito confesa que tras as análises realizadas sobre as vítimas, "un terzo das mesmas presentaban síntomas de estrés postraumático con toda claridade; outro terzo, relacións patolóxicas diversas; e, outro terzo, a pesar de que non amosaba psicopatoloxías, si presentaba igualmente dano moral". Así, lamenta que "nesta macroxuízo púxose moito o foco no grupo e esquecémonos dos niveis de trauma da vítimas", o que lle leva a pensar que papel xogaría a posición da Igrexa no asunto.
SEMELLANZAS CO CASO DA SEITA LIDERADA POLO 'TÍO TONI'
Pero o dos Miguelianos non é o único caso de secta coñecido que saltou á palestra en España nos últimos anos. "O dos Miguelianos é un modelo complexo de grupo que reúne moitas dimensións e paralelismos co xuízo que comezará en breve en Castellón contra o coñecido como 'Tío Toni', que ten o mesmo 'modus operandi', as mesmas etapas de involucración e o mesmo mapa de compresión", compara Perlado. O caso do 'Tío Toni', máis en concreto, refírese a unha secta liderada por un gurú coñecido como Antonio G.L., apodado 'Tío Toni', que operaba nunha masía situada na comarca do Alto Maestrazgo, en Castellón. Tratábase dun grupo pseudorelixioso que atribuía ao seu líder poderes divinos, valéndose da abdución psicolóxica dos seus fieis para construír unha comunidade cuxo fin último sería satisfacer os desexos sexuais do 'Tío Toni', así como ter o control total sobree a vida dos seus adeptos. A Fiscalía pide para el no xuízo que se celebrará este vindeiro mes de abril un total de 326 anos de cárcere para todos os acusados implicados por 9 delitos continuados de abusos sexuais a menores de entre 12 e 17 anos. A diferenza con respecto ao caso dos Miguelianos é que neste hai probas de ADN para demostrar empíricamente eses abusos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.