Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2025 | Actualizada ás 11:20
O sector pesqueiro galego pechou o ano 2024 cun descenso tanto en volume de capturas como en facturación, segundo se recolle no 'Anuario de Pesca 2024' publicado pola Consellería do Mar. En total, as lonxas galegas ingresaron 383 millóns de euros, o que representa unha baixada de 29 millóns respecto ao ano anterior, mentres que os quilos comercializados caeron ata as 102.462 toneladas, un 18,5% menos ca en 2023.
A caída foi xeneralizada nas principais especies, con perdas especialmente acusadas nos cefalópodos, que retrocederon un 38,6% en volume e un 29% en valor, así como nos bivalvos, cun descenso do 26,8% en quilos e do 29,5% en ingresos. A ameixa japónica sufriu un recorte do 33% na súa facturación, con apenas 18 millóns de euros xerados fronte aos 27 do exercicio anterior.
Entre as especies máis afectadas tamén destacan o polbo, cun 32,5% menos en euros; o xurelo, cunha caída do 28% en quilos e do 13,3% en valor; e a sardiña, que se reduce un 23% en volume. En contraste, a única subida significativa rexístrase no rapante, que incrementa un 264% os quilos vendidos e un 237% a súa facturación, acadando case os 10 millóns de euros.
A pesar do contexto xeral de baixada, o prezo medio por quilo ascendeu aos 3,74 euros, marcando o rexistro máis alto da serie histórica en Galicia, segundo destaca o informe autonómico.
PRINCIPAIS LONXAS
As lonxas de referencia tamén experimentaron descensos en facturación e volume de produto, con Vigo á cabeza en ingresos, ao acadar 85,2 millóns de euros, pero cun recorte do 3,3% respecto ao ano anterior. Pola súa parte, A Coruña lidera en volume, con 21.238 toneladas, malia baixar un 4,3%, mentres que a súa facturación diminuíu un 13%.
Ribeira viu reducidas as capturas nun 31,87%, aínda que só baixou un 2,4% en valor económico. A excepción entre os grandes mercados foi Burela, que incrementou levemente a súa facturación nun 0,85%, superando os 58 millóns de euros, malia diminuír un 10,4% en toneladas. Celeiro pecha o grupo das cinco lonxas principais cun descenso do 12,7% en capturas e unha baixada do 0,38% en ingresos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.