Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 24/03/2025 | Actualizada ás 14:11
O pleno do Concello de Pontevedra aprobou este luns de maneira definitiva o orzamento municipal de 2025, que ascende a 98,6 millóns de euros, e despois de que fose desestimada e inadmitida a única alegación presentada ás contas municipais, por parte de Comisiones Obreras. As contas municipais saíron adiante cos votos favorables do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e do Partido Socialista, apoio este último que foi recriminado polo portavoz do PP, Rafa Domínguez, que lembrou que hai un ano os socialistas forzaron ao alcalde a presentar unha cuestión de confianza mentres que agora asinan un acordo cos nacionalistas.
Segundo Rafa Domínguez "o PSOE xa nos ten adoitados" a estes cambios de postura, "hoxe están aquí, mañá están alá e pasado na República Dominicana, que é onde acaban todos os corruptos do PSOE", afirmou o portavoz do PP. O grupo socialista reaccionou de maneira airada ante esta declaración e o portavoz do grupo municipal, Iván Puentes, esixiu unha rectificación aos populares ao considerar "gravísimo que deslicen a máis mínima sospeita de corrupción" sobre el ou calquera outro membro do grupo socialista. Domínguez respondeu dicindo que, no PSOE "están acurralados pola corrupción" e matizando que non lle consta "ningún caído en Pontevedra". Ademais, na súa intervención referiuse a "Ábalos, Koldo, o irmán e a muller de Pedro Sánchez". Neste punto da discusión, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, optou por cortar o micrófono e concluír o debate.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.