Alumnos dos catro centros galegos afectados polo temporal volven a clase, pero algúns en localizacións provisionais

Os traballos do IES María Soliño, cuxa cuberta foi a que sufriu maiores danos, aínda durarán dúas semanas e media, aproximadamente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2025 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

Os alumnos dos catro centros galegos que se viron afectados a semana pasada pola borrasca 'Martinho' --dous institutos en Cangas e outros dous colexios de Moaña e Cerceda-- retomaron as clases este luns con normalidade xeral, a pesar de que algúns reciben docencia telemática e outros tiveron que ser recolocados noutras instalacións provisionais. No caso da comarca pontevedresa do Morrazo, os institutos Rodeira e María Soliño, en Cangas, levaron a peor parte do temporal, co desprendemento de parte das súas respectivas cubertas o pasado xoves.

Tal e como se acordou o venres nunha reunión con autoridades autonómicas e locais, o IES Rodeira retomou este luns as clases con normalidade. Non así a María Soliño, que saíu peor parado da borrasca e continuará pechado. Os seus alumnos de Bacharelato darán clase pola tarde de forma presencial no IES Rodeira, mentres que os da ESO continuarán a docencia a través da plataforma dixital 'E-Dixgal'. No municipio veciño de Moaña, o temporal afectou á escola de Educación Infantil do Con e a súa trintena de alumnos puido volver a clase empregando as instalacións do CEIP Quintela.

As obras para reparar os tres centros morracenses xa están en marcha, pero priorizarase o IES María Soliño porque a súa cuberta foi a que sufriu maiores danos e os seus alumnos aínda non poden ocupar as súas instalacións. Estímase que os traballos durarán dúas semanas e media, aínda que dependerá das condicións meteorolóxicas. Xa na provincia da Coruña, resultou afectado por 'Martinho' o CPI O Cruzamento, no municipio de Cerceda. Aínda que parte dos nenos puideron volver a clase este luns, hai tres aulas da ESO que tiveron que ser recolocadas no auditorio municipal que hai en fronte. "Trátase dun medida provisional e transitoria mentres duren as obras de reparación da cuberta, uns traballos que se están desenvolvendo coa máxima celeridade e con todas as garantías de seguridade", asegura a Consellería de Educación, consultada por Europa Press.

O IES Mariña Soliño de Cangas con danos polo vento este pasado xoves en Cangas
O IES Mariña Soliño de Cangas con danos polo vento este pasado xoves en Cangas | Fonte: Adrián Irago - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta