Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2025 | Actualizada ás 14:52
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou a "campaña de bulos" contra a súa formación que, na súa opinión, leva a cabo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que ve "preparándose" para cando estea "na oposición dentro de tres anos".
Pontón pronunciouse deste xeito ao ser preguntada pola rolda de prensa ofrecida o xoves pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, na que denominou á formación nacionalista como "Bloque Negacionista Galego".
A líder dos nacionalistas galegos asegurou que Rueda está "completamente obsesionado" co BNG, nunha "campaña de bulos e difamacións" cos que lles fai oposición "constantemente". "Imaxínome que este nerviosismo é porque ve ao BNG no seu mellor momento da historia", asegurou Pontón, que celebrou que cada vez "máis galegos" vexan na súa formación a "alternativa fronte ao PP".
Pontón asegurou que o que está a demostrar o PP é que "non ten ningún proxecto" que ofrecerlle á cidadanía e que "para tapalo" o único que fai é "facer oposición ao BNG". "Eu anímolles a que sigan con ese traballo, porque van preparándose para dentro de tres anos, cando o PP estea na oposición", manifestou.
Por último, lembrou que quen pacta cos "negacionistas", en referencia aos acordos con Vox, "é o PP".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.