Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 07/04/2025 | Actualizada ás 01:05
A Garda Civil detivo a un home, de 72 anos, no municipio ourensán do Bolo como presunto autor de matar á súa muller cunha arma branca.
Segundo fontes consultadas por Europa Press, os feitos producíronse sobre as 18.20 horas deste domingo na parroquia das Hermidas e ata o punto desprazouse un helicóptero medicalizado. Con todo, os profesionais sanitarios non puideron facer nada por salvarlle a vida á vítima, de 76 anos.
A Garda Civil investiga os feitos como un posible caso de violencia machista.
O CONCELLO DECRETA TRES DÍAS DE LOITO
O Concello do Bolo convocou un pleno extraordinario para este luns ás 14.00 horas para declarar tres días de loito oficial. Segundo confirmou a Europa Press o alcalde do Bolo, Alberto Vázquez, despois de celebrar o pleno convocarán unha concentración de repulsa.
O rexedor explicou que o matrimonio fora emigrante e que, unha vez que ambos se xubilaron, instaláronse xa definitivamente nunha casa que fixeron nas Hermidas, un pobo onde residen unhas 20 persoas.
Sobre o matrimonio, que ten un fillo que reside fóra de Galicia, no concello non constaba rexistro por hipotéticas alertas, nin a parella requirira intervención de departamentos como o de servizos sociais.
"Todos os anos temos unha reunión coa Garda Civil e pásannos información sobre posibles casos, pero neste caso non nos consta", explicou o rexedor a Europa Press.
CONDOLENCIAS DE RUEDA
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, expresou a súa firme condena polo asesinato Mostrou o seu "pesar" á familia e amigos da vítima nunha mensaxe na rede social X, recolida por Europa Press, na que subliñou que a loita contra a violencia de xénero debe ser un compromiso "firme e compartido por toda a sociedade"
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.