Feijóo descoñece se a UE paralizou inversións en Galicia

Critica ao PSOE por denunciar irregularidades na Deputación de Pontevedra da época de Louzán “cando algún dos seus membros ten que acudir a algún tribunal de Vigo”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/04/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, descoñece se a UE paralizou a inversión de proxectos europeos en Galicia tal e como publicou este medio. En concreto, máis de 600.000 euros dos fondos FEDER para o proxecto denominado “Galicia” e outros 60 millóns que o BNG denuncia que quedaron sen executar dos fondos FEADER para desenvolvemento Rural.

Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta
Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta | Fonte: xunta.gal

“Non teño coñecemento diso”, dixo ao ser preguntado por GC ao respecto. “En todo caso é lóxico que a UE faga inspeccións, o que debe preocupar é se derivan en actuacións”, engadiu.

Curiosamente, o presidente galego facía estas afirmacións logo de anunciar outro anticipo de 22 millóns de euros para o agro galego procedentes da PAC, “e iso a pesar de que este ano aumentaron os controis por parte da UE”, indicaba. “Non son sinxelos de xestionar estes fondos porque temos que inspeccionar visualmente 1,3 millóns de parcelas”, engadiu.

Tamén se referiu Feijóo ás denuncias do PSdeG tras detectar irregularidades na xestión de 10 millóns de euros de fondos europeos na Deputación de Pontevedra durante a etapa do popular Rafael Louzán. “Eses proxectos, a súa adxudicación e licitación foron aprobados e tiveron o visto e prace do PSOE”, indicou.

En todo caso, criticou que os socialistas fagan estes anuncios cando “algún dos seus membros ten que ir declarar a un xulgado de Vigo”. “Seguro que é unha mera coincidencia”, ironizou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta