(Vídeo) Descubre o patrimonio e os recursos naturais de Lugo

Descubrindo Lugo recolle unha interesante proposta audiovisual sobre os elementos culturais, etnográficos, patrimoniais ou naturais desta provincia.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 22/04/2025 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

Descubrindo Lugo,é unha das seccións máis recoñecidas do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo. A través desta iniciativa, búscase poñer en valor os innumerables recursos naturais, históricos, culturais e etnográficos da provincia, moitas veces descoñecidos mesmo polos propios lucenses.

Navegación na Ribeira Sacra, no río Miño-Sil
Navegación na Ribeira Sacra, no río Miño-Sil | Fonte: Arquivo

Dende a súa posta en marcha, tense publicado xa máis de 330 vídeos —todos eles de curta duración, arredor de dous minutos— nos que se amosan propostas moi diversas: desde espectaculares fervenzas, miradoiros ou roteiros de sendeirismo, ata visitas a importantes xacementos arqueolóxicos castrexos e romanos, castelos medievais, igrexas e mosteiros históricos, ou cemiterios singulares con gran valor artístico e simbólico.

Un servizo audiovisual que tamén saca partido do patrimonio arquitectónico e das tradicións vivas de vilas e aldeas, configurando un mosaico que amosa a riqueza e a diversidade dos 67 concellos da provincia de Lugo. Para a Deputación de Lugo, estes vídeos son unha ferramenta de divulgación que, alén de entreter, educan, sensibilizan e contribúen á promoción do territorio, fomentando o turismo sostible e o coñecemento da identidade lucense.

NA PROCURA DOS MUSEOS DE LUGO

Dentro desta sección, destaca tamén Descubrindo os Museos de Lugo, unha subserie que achega ao público os múltiples espazos museísticos da provincia. Grazas a estas pezas audiovisuais, o espectador pode descubrir desde coleccións arqueolóxicas ou etnográficas ata propostas de arte contemporánea, abrindo unha xanela á riqueza museística de Lugo e facilitando o acceso a estes espazos a través das pantallas.

Descubrindo Lugo é, en definitiva, un proxecto que transforma o audiovisual nun vehículo de coñecemento, identidade e promoción do patrimonio, achegando cada recuncho da provincia ao gran público dunha forma atractiva e accesible.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta