Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 22/04/2025 | Actualizada ás 14:27
O BNG rexistrou iniciativas nas Cortes do Estado para demandar a implicación do Ministerio de Cultura para que permita a devolución das esculturas do mosteiro de Carboeiro, na localidade pontevedresa de Silleda. Segundo trasladou o Bloque nunha nota de prensa, a senadora Carme da Silva defendeu a necesidade de que o Goberno "mostre a súa vontade de reparar este episodio" e traslade estas esculturas medievais desde o Museu Frederic Marès de Barcelona ata o mosteiro galego.
En concreto, as iniciativas rexistradas pretenden aclarar se a Xunta solicitou formalmente a colaboración do Ministerio para facilitar a restitución das esculturas (un Cristo en Maxestade e unha talla dos evanxelistas San Lucas e San Juan, datadas de finais do século XII) e se o Goberno galego puxo a disposición toda a documentación "que acredita o espolio", así como a disposición do departamento estatal de cultura para actuar como intermediario neste procedemento.
"Estamos ante un caso claro de espolio ilegal, tal e como recollen as investigacións do historiador Francisco Prado-Vilar, quen identificou e documentou que estas esculturas foron subtraídas en 1957 a pesar de que Carboeiro xa estaba recoñecido desde 1931 como Monumento histórico-artístico", reprochou Carme da Silva. Por todo iso, a senadora nacionalista ve "imprescindible" que o Ministerio asuma un papel "activo" e exerza como mediador entre a Xunta e o Concello de Barcelona para posibilitar a devolución das esculturas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.