Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 22/04/2025 | Actualizada ás 16:18
Galicia consolida a súa posición como a comunidade española que "máis reduciu en 2023 as emisións netas de gases de efectos invernadoiro (GEI) con respecto a 1990" --é dicir, a diferenza entre emisións e absorcións--, ano de referencia a nivel comunitario para as políticas climáticas.
Así o ratificou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita ás instalacións de ABCR Laboratorios, en Forcarei, empresa do ámbito químico e farmacéutico e que, destacou, "exemplifica a relevancia deste sector para avanzar cara aos obxectivos de descarbonización e transición enerxética", así como para "garantir un desenvolvemento sustentable e eficiente de Galicia".
Tras explicar que a Xunta acaba de recibir un avance do último Inventario Nacional de Emisións que elabora o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a conselleira concretou que, durante o ano 2023, Galicia logrou reducir nun 61,7% as emisións netas de GEI con respecto a 1990, un balance que a sitúa á cabeza do país neste ámbito e que confirma que o Goberno autonómico "vai polo bo camiño" na súa estratexia para facer fronte ao cambio climático.
De feito, Vázquez lembrou que no anterior informe, correspondente ao ano 2022, Galicia tamén foi a comunidade que experimentou unha maior redución das emisións contaminantes netas, nese caso, cun descenso do 59,8%. Neste sentido, salientou a importancia de contar cun tecido empresarial "comprometido co medio ambiente e a redución das emisións".
ALIANZAS PARA O IMPULSO DA ECONOMÍA CIRCULAR
Así mesmo, a conselleira tamén se referiu a a oportunidade que supón para empresas de referencia neste e noutros sectores a existencia de alianzas relacionadas co impulso da economía circular, así como no ámbito da redución dos residuos --como é o seu proxecto para a reciclaxe de gomas de siliconas-- e na mellora e implementación de procesos industriais sustentables e eficientes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.