Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/05/2016 | Actualizada ás 13:59
A avogada que se fixo cargo da defensa do exsecretario xeral dos socialistas galegos, Esperanza Ferreiro, instou es martes á xuíza Pilar de Lara a que se aparte voluntariamente da instrucción da Operación Pulpo, na que está investigado José Ramón Besteiro, xa que está apartada temporalmente do caso Garañón.
Así, suliñou que "as causas que son de recusación" son as mesmas polas que "un xuíz ten que absterse". "Se se abstén no caso Garañón, porque a recusaron e tivo que apartarse, entendo que debería absterse en calquera outro asunto que afecte a Besteiro", dixo Ferreiro.
"Iso ten que decidilo ela, que para iso é a xuíza. Se non pode ser nulo", apuntou antes de asistir á declaración do xefe de Protocolo da Deputación de Lugo, Juan Carlos F.P, que compareceu ante a xuíza como investigado na Operación Pulpo.
Por outra banda, tamén reclamou o levantamento do segredo do sumario. "A ver se a xuíza levanta o segredo de sumario" sobre algunha parte máis da causa, dixo porque "agora mesmo non temos nada, ou non atopamos nada" en relación coa "cantidade de delitos" que se lles imputan aos investigados.
"Non sei o que esconden todos eses tomos" sobre os que aínda se mantén o segredo de sumario, comentou a letrada, quen tamén asegura que na parte de causa aberta "nin sequera" atopou no que se refire ao seu patrocinado unha "irregularidade administrativa".
O xefe de Protocolo da Deputación de Lugo foi o primeiro dos sete investigados en declarar no Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, aínda que os interrogatorios continuarán ao longo de toda a semana. "Estou tranquilísimo", dixo antes de entrar na sede xudicial.
Para o mércores está prevista a comparecencia de Gómez Besteiro, que será o primeiro en declarar, no seu caso, como investigado por suborno, prevaricación, tráfico de influencias, fraude ás administracións públicas, fraude de subvencións e un delito continuado de malversación, tamén prestará declaración outra funcionaria do departamento de comunicación e o empresario Raúl López. Ao día seguinte pasarán polo xulgado o secretario adxunto, a interventora e o asesor de fondos europeos da Deputación de Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.