Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/05/2016 | Actualizada ás 09:00
Varias mensaxes de Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez, dirixentes de Anova, nas redes sociais deixan entrever as diferencias que existen, actualmente, sobre o futuro de En Marea entre esta formación e Podemos e Esquerda Unida.
"Confío en que o cerebro colectivo prevaleza sobre os cerebros individuais que non chegan a entender as cousas". Esta é a mensaxe que foi publicado este xoves no perfil de Twitter do líder de Anova, Xosé Manuel Beiras. Unha mensaxe que coincide nunha semana clave nas negociacións dos socios de En Marea e, precisamente, despois de que os integrantes da Mesa de Coordinación acordasen rexistrar de novo a coalición -que subscribiron para o 20 de decembro Anova, Podemos Galicia e Esquerda Unida- para a repetición de eleccións.
Aínda que se alcanzou este acordo na reunión do martes, a formación que lidera Xosé Manuel Beiras aclarou que o fixo de forma preventiva no sentido de que pechan os prazos, pero é partidaria de que as bases de En Marea poidan votar ao respecto da fórmula xurídica coa que se presentarán ás eleccións.
Anova non deu por pechado o debate e aspira a que se inclúa na asemblea de En Marea o próximo domingo 15, pero na Mesa de Coordinación non triunfou a súa postura, fronte a Esquerda Unida e Podemos Galicia, que aceptasen (de feito ofreceuse) facer unha consulta paralela á que se fixo no ámbito estatal esta mesma semana, pero antes de que vencese o prazo para a inscrición de coalicións.
Precisamente esta cuestión foi a que motivou o non de Anova, posto que, ao seu xuízo, o debate debería darse primeiro na asemblea do próximo domingo e a consulta, con posterioridade. Neste escenario, a formación nacionalista fará a súa propia consulta interna a semana que vén ao respecto da forma xurídica coa que acudir ás eleccións.
Sobre esta cuestión pronunciouse, tamén a través de Twitter, o vicevoceiro de AGE e coordinador nacional de Anova, Antón Sánchez. "O suxeito político é a cidadanía galega. No caso de En Marea, as bases de En Marea. Permitir votar no Estado e non aquí, é non entender isto", lanzou a través da súa conta persoal.
Cerna e Yolanda Díaz
Precisamente, Cerna, un grupo escindido de Anova, tamén defende as mesmas posicións que Beiras e Sánchez e entende que só a fórmula do “partido instrumental” garante que se poida contar cun Grupo Galego nas Cortes ao tempo que se estea a definir un espazo de participación individual para o futuro inmediato. “Esa á a idea que moitos de nós imos defender conxuntamente cos nosos amigos e simpatizantes aos que reiteramos a petición de inscrición para participar”, din en relación ao encontro do vindeiro domingo.
Pola súa banda, a deputada de En Marea Yolanda Díaz insistiu en que se vai repetir a fórmula dos pasados comicios. “Vamos ir En Marea e non hai ningún risco de que non se produza esta situación", dixo ademais de trasladar "unha mensaxe de tranquilidade". "
Tamén asegurou que a súa relación co que foi o seu compañeiro de formación no Parlamento galego Xosé Manuel Beiras "está ben, con absoluta normalidade, como sempre". "Aínda que nesta ocasión obviamente temos diferenzas respecto á configuración xurídica do que debe de ser En Marea, pero unhas relacións como sempre correctas", engadiu.
Votacións
Estas diferencias chegan no medio dun proceo interno de votación entre a militancia de Podemos e EU. Así, o 89,5 por cento dos militantes galegos de EU que participaron na consulta interna sobre o preacordo con Podemos para concorrer o 26 de xuño na repetición das eleccións xerais ratificaron esta proposta e a coalición de En Marea -para o caso galego-, como así recollíase na pregunta que se enviou á militancia.
Pola súa banda, o 95,5 por cento dos inscritos de Podemos Galicia avalaron tamén o acordo con Esquerda Unida e outras formacións como Equo para concorrer xuntos en coalición nas próximas eleccións do 26 de xuño, así como reeditar as confluencias de Galicia, Cataluña e a Comunidade Valenciana "nos mesmos termos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.