Catro árbores invasoras invaden o Monte Pindo 1000 días despois do lume que o devorou

O hábitat do carballo anano está en perigo pola colonización dos eucaliptos. Monte Pindo Parque Natural colabora coa USC nun estudo europeo para investigar as consecuencias do lume de 2013.

Por Galicia Confidencial | Carnota | 07/06/2016 | Actualizada ás 16:20

Comparte esta noticia

Este martes cúmprense 1.000 días do devastador incendio declarado o 11 de setembro de 2013, que rematou devastando 2.500 hectáreas do Monte Pindo que inclúen a integridade da superficie proposta á Xunta para acoller o sétimo parque natural galego, e o primeiro da Costa da Morte.  Pero, neste tempo 4 especies arbóreas invasoras se foron implantando neste espazo.

O Monte Pindo queimado tras o devastador incendio de setembro de 2013
O Monte Pindo queimado tras o devastador incendio de setembro de 2013 | Fonte: QPC

Trátanse da acacia (Acacia dealbata), a acacia negra (Acacia melanoxylon), a albicia (Paraserianthes lophantha) e o eucalipto (Eucalyptus globulus), que están a infestar a un ritmo imparábel as zonas queimadas do Monte Pindo e aledaños, estendéndose descontroladamente desde as zonas baixas e habitadas, ladeira arriba.

Segundo denuncia a Asociación Monte Pindo Parque Natural, no caso do eucalipto tamén están colonizando as cotas altas e inaccesíbeis. “Cada semana que pasa é moito máis dificil erradicalas, pola maior superficie que afectan, as maiores dimensións que acadan e a crecente dificultade de acceder ás zonas afectadas con medios mecánicos”, denuncia.

Ademais, din que este mes é un momento crítico pois varias destas árbores producirán inflorescencias e dispersarán millóns de novas sementes que, empurradas polo vento, colonizarán zonas novas sen apenas oposición.

E, no lado contrario, atópase unha das especies máis importantes do Monte Pindo e e en risco de desaparición. Trátase do carballo anano, que só se atopa neste espazo en Galicia, e en cuxo único hábitat está a sufrir a competencia dunha praga do eucalipto.

Os eucaliptos comezan a invadir o ecosistema do Monte Pindo
Os eucaliptos comezan a invadir o ecosistema do Monte Pindo | Fonte: Monte Pindo Parque Natural

Por iso, a Asociacion Monte Pindo reclama á Xunta que comecen a obrar de inmediato na erradicación urxente das especies invasoras, e nomeadamente as poboacións de acacias e albicias presentes nas ladeiras do Monte Pindo que dan a San Cibrán, Quilmas e ao sur do Pindo, antes de que florezan e agraven aínda máis a situación.

Colaboración

Por outra banda, esta semana o Grupo de Ecoloxía do Lume (GEFUSC) da USC e a Asociación Monte Pindo Parque Natural acordaron colaborar no GESFIRE, un estudo científico de financiación estatal e europea que investiga as consecuencias que o incendio de 2013 sobre o Monte Pindo a través do estudo de varios indicadores naturais, un estudo científico que está a desenvolverse simultaneamente en espazos naturais queimados en distintas partes da Península Ibérica, e que tamén anunciou recentemente que detectaron un forte incremento das especies invasoras no Monte Pindo.

Froito desta colaboración o GEFUSC, representado polas profesoras Otilia Reyes e Mercedes Casal, comprométese a compartir os datos e resultados froito das súas investigacións coa entidade veciñal e tamén o compromiso de colaborar coa identificación e eliminación de especies invasoras. Pola súa parte a Asociación Monte Pindo Parque Natural, representada polo secretario Mario Maceiras a quen lle amosaron as instalacións e os laboratorios do proxecto, comprométese a colaborar e cede desinteresadamente á USC o Catálogo de Especies do Monte Pindo (CEMP), un inxente traballo de inventariado da biodiversidade presente neste espazo natural, o único que conta cun estudo destas características feito desde a sociedade e en permanente revisión, e que na actualidade xa inclúe preto de 700 especies das que unhas 150 contan con algún nivel de protección segundo a lexislación vixente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ted Flanders

Vale! unha gran mágoa....pero tendo en conta que neste Pais xa está todo colonizado....(que llo pregunten a ANUEVA) so queda vestirse de lagarterana ou rociera e tirar adiante como os negros que somos...total fagas o que fagas sempre virá un chu-lin e a última hora pactará ca ralea mais ruin das Españas para que nos gobernen dende Madrid, Zaragoza....todo menos Galiza!..