Novas protestas polo peche de camas en Pontevedra

Houbo concentracións ante os hospitais de Montecelo e o Provincial. O Sergas resta importancia ás protestas.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 09/06/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Santiago, A Coruña, Vigo, Ourense... e agora Pontevedra. Son varios os profesionais dos centros hospitalarios galegos que nos últimos días se teñen sumado ás protestes polo peche de camas durante o verán.

Protesta dos sindicatos polo peche de camas do Sergas no verán e a privatización da sanidade pública
Protesta dos sindicatos polo peche de camas do Sergas no verán e a privatización da sanidade pública | Fonte: EP

Representantes dos sindicatos CC.OO., CIG e UGT, así como traballadores do Sergas se concentraron este mércores ante as portas dos Hospitais de Montecelo e Provincial para protestar contra o peche de camas previsto pola xerencia. Segundo estas centrais sindicais, o peche ascende a 110 camas en Pontevedra e a 30 no hospital de O Salnés, o que supón ao redor dun 18 por cento das unidades destes centros.

Os sindicatos dmiten que este verán se pecharán "menos camas que en 2015" porque a decisión non afecta ao servizo de oncoloxía, pero consideran que estas decisións provocarán un "incremento das listas de espera". Neste sentido, apuntan que as citas para servizos como radiodiagnóstico, resonancia ou ecografía se dan xa para o mes de outubro en diante.

Xermán Rouco, representante de CIG-Saúde, esgrimiu que se trata dun "peche patronal" e que se debe á falta de xestión "derivada do desmantelamento do sistema público en beneficio do privado". Ademais, afirmou que, con estas medidas, a sanidade pública será para as clases "máis desfavorecidas" mentres que os centros concertados se empregarán polas clases "adiñeiradas".

Rafa Vázquez, delegado de CC.OO., incidiu durante a protesta na "ineptitude" do equipo xestor do centro poñendo como exemplo que a compra de chaquetas leva un proceso de negociación dun ano, antes de engadir que "a dirección oculta os problemas" que se están a rexistrar nestes centros hospitalarios.

A presidenta da xunta de persoal, Carolina Iñarrea, asistiu, acompañada por outras integrantes de Prosagal, a esta concentración, pero indicou que se apoia a reivindicación a título persoal porque a maioría de representantes sindicais dentro da xunta non aprobaran esta convocatoria.

O Sergas insiste en defender a medida

O xerente da denominada EOXI (Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés), José Manuel González, restou importancia ás protestas dos sindicatos. "Todos os anos é a mesma película", manifestou e rebaixou a cifra de camas pechadas durante este verán a 80 en Pontevedra e 20 no Hospital do Salnés.

Tamén afirmou que se trata dunha medida que se adopta para "mellorar a xestión" dos recursos e que se realiza en todos os hospitais de Galicia e de España. Os datos que manexa a xerencia sinalan que no verán de 2015 en Pontevedra, a pesar do peche, quedaron 100 camas libres e no centro de O Salnés a cifra situouse en 35 camas sen ocupar a pesar de que se inhabilitara a terceira planta.

González insistiu en que "ningún paciente vai quedar sen atender", xa que en caso de que sexa necesario as camas se porán en funcionamento, e tamén rexeitou as acusacións dos sindicatos relacionando este peche co apoio aos centros concertados por parte da Consellería.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta